Estado de alarma. Día oitenta e catro

IMG_20200605_204259
Estado de alarma. Día oitenta e catro

No edificio da señora do anorak mostaza, retiraron a derradeira bandeira española que quedaba pendurada dun dos pisos. O tema das bandeiras, xunto co dos aplausos as oito da tarde, foron dúas das cousas máis significativas durante os momentos máis críticos da pandemia. De ningunha das dúas cousas queda sequera un detalle, testemuña da importancia que no seu momento tiveron. Pouco a pouco as cousas van mudando e retornando cara unha normalidade que, penso eu, todos desexamos, mais coas debidas precaucións.

IMG_20200605_204259

Proba desa normalidade, é que por fin hoxe puidemos estar cos meus pais e quedar xuntos para tomar algo nunha terraza que reunía todos os requisitos necesarios. Todos tiñamos ganas de vérmonos os uns ós outros. O das apertas quedará aínda para máis adiante, para un intre que agardemos chegue axiña, sobre todo polo neno, que devece por botarse enriba dos avós e enchelos delas. Ese intre está cada vez máis preto de ser realidade.

Hoxe, o día refrescou un chisco máis ca onte. Xa non fixo tanto calor. Van uns días de clima cambiante. A ver como se presenta a semana vindeira. Polo momento, quen si vai notar e sentir un cambio é a familia da miña dona, e non climático, precisamente. Son de Redondela e na semana que vén estarían de festa na vila. O xoves tería que celebrarse a súa festa máis famosa, a festa da Coca. Non poderá ser, porque o mesmo ca da miña vila, foi suspendida. Así que este ano, o bo de Benito non poderá poñer o seu traxe e sacar a pasear o dragón polas rúas da vila para desfrute dos nenos da vila, que se suben nel para facer fotos ou ben métense dentro do bandullo do animal por unha porta preparada para iso e manobran as cordas para moverlle a boca. Ó meu fillo encantoulle sempre facelo e este non poderá repetir. Para o vindeiro ano, talvez pegue un estirón e xa non caiba dentro. Cousas da vida. Non habendo festa, tampouco poderemos desfrutar da danza das Penlas ou da danza das espadas, rituais ambos que constitúen un espectáculo visual moi fermoso. Dende aquí, eu aconséllolles que se algún ano poden achegarse ata alí, ben que lles vai pagar a pena.

O que non paga a pena, son esas persoas que tiran á rúa centos de cousas: luvas, tapabocas, Dicirlle desde estas liñas que iso non é o que hai que facer, que está mal feito. Traio esta reflexión aquí porque hoxe é o día mundial do medio ambiente. E o material co que están feitos, non permite unha biodegradación rápida. Ademais, unha vez usados poden ser un foco contaminante e de contaxio ou mesmo un perigo para especies animais.

Acabo de ver unha fotografía dun niño de cegoñas, ocupado por unha parella de exemplares adultos con dúas crías. Unha marabilla. Seica están na estrada que vai da miña vila a Baltar, a altura de San Pedro de Laroá. E digo están porque dinme que hai once niños seguidos, un tras doutro. Velos dende preto, debe ser unha marabilla de espectáculo. Como esa foto dunha lúa laranxa no ceo sobre a chaira. Con razón onte contei aquí que os limiaos temos algo máis co Entroido. Nas mans de todos está conservalo.

Rafael Laso Lorenzo