Estado de alarma. Día oitenta e tres

santa-comba3
Estado de alarma. Día oitenta e tres

Nesta correlación entre o número dos artigos e os anos das décadas setenta e oitenta, a memoria levoume a época da miña infancia e da miña adolescencia. Xa contei aquí que gardo gratas lembranzas de ambas as dúas. Mais, quen non ten un ano especial? Coido que todos. E que de especial non terá para un adolescente acadar a maioría de idade? Esa data, pola que suspiramos todos na nosa vida cando está a aproximarse, cadroume a min no ano 1983. Non sei se o celebrei dalgunha maneira distinta nin se tiven algún agasallo especial. Pilloume facendo o cuarto curso da formación profesional daquela época. Un curso no que decidín que quería seguir estudando e ir á Universidade. Un curso que comezara no ano anterior e no que redactei vinte ou trinta páxinas do que eu quería que fose unha novela porque xa soñaba daquela con ser escritor. Ese foi un soño aparcado porque os degoiros de facer enxeñaría puideron máis que encher cuartillas de papel. Mais un soño que aparquei provisionalmente, sen saber que moitos anos despois veríase cumprido. É o que din que acontece cos soños soñados con forza, que rematan por convertérense en realidade. A realidade daquelas trinta páxinas, incorporouse máis de vinte e cinco anos despois á miña novela O trasmundo de Antioquía que saíu do prelo no ano 2009.

santa-comba3De volta do traballo vin escoitando un programa de radio no que falaban da situación do turismo no país por mor da pandemia. Quen máis quen menos auguraba un futuro próximo nada doado e opinaban todos que, en xeral, antes de dous anos non se prevé recuperación económica en España. Vai ser un drama en moitos sectores. Visto o panorama que se presenta coido que non sería mala idea potenciar o turismo interior. Nos vinte minutos que leva o traxecto pensei nas posibilidades turísticas da miña vila. Temos un marabilloso Museo do Entroido, o único desas características en Galicia. Visitas guiadas concertadas non sería mala idea. Completada cunha ruta (a ruta das pantallas, da igrexa nova ata o barrio de Abaixo, pasando pola Praza Maior, parada no Esporón incluída) que permita ver a parte máis histórica da vila. A marabilla do mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras, coa súa igrexa, combinada cunha visita a igrexa parroquial (na que se explicase a súa historia, que a ten, e moi interesante) e con outras igrexas e capelas da contorna de alto interese artístico, daría para outra ruta. No mosteiro, dúas personaxes como o bispo Bedoya, alí desterrado, e mailo correxedor Julián Toubes, ben poderían explicarnos o estiñado da lagoa de Antela. A revolución irmandiña, ben que ambientaría unha visita polas torres da Pena, Sandiás e Porqueira (en Vimianzo, no castelo hai visitas guiadas con personaxes de época, que atraen cada ano cantidade de xente). Unha visita o Museo Etnográfico da Limia en Vilar de Santos achegaría ós visitantes ás raíces máis fondas dos limiaos. Para os amantes da natureza as rutas da Gorgoloza ou de Mosteiro de Ribeira serían ineludibles. Chegando a casa, acordei que sempre podemos achegarnos á fronteira portuguesa, tamén a Santa Comba de Bande e a Aquis Querquenis. Non habería problema para xantar ou cear, nin para un repousado café nunha terraza calquera da praza. Talvez, malia o que poida parecer, algo me di no meu interior que temos Entroido pero tamén outras cousas que pagan a pena e ben merecen unha visita, agora que en breve imos deixar o estado de alarma.

Os meus dezaoito anos trouxéronme ata aquí. Porén, dese ano 1983 quen non se lembra do primeiro Óscar ó cine español (Volver a empezar, de José Luis Garci), da expropiación de Rumasa ou do histórico 12-1 a Malta naquel partido en Sevilla no que o porteiro da selección española era o galego Paco Buyo.

Rafael Laso Lorenzo