Estado de alarma. Día oitenta e sete

vueltaalcole-612x344
Estado de alarma. Día oitenta e sete

Entre onte e hoxe tiven varias mensaxes de amigos lectores sobre diferentes cousas destes artigos. Un deles, ese afervoado seguidor da música de Dylan, envioume unha sinxela frase: Ó cen tes que parar! Contesteille que iso é o previsto, pois hai xa bastante tempo (os días pasan a toda velocidade) foi un dos meus sobriños quen profetizou que habiamos chegar a ese número. Precisamente, hoxe a nai del falaba coa miña dona comentando ese detalle. Outra mensaxe foi dunha das miñas cuñadas, agradecéndome que lembrara nun dos artigos as festas da Coca en Redondela. En realidade, é unha vila que me gusta, pois residín nela durante tres anos. E para min é importante recoñecer que, nesta Galicia na que vivimos, hai multitude de manifestacións culturais tradicionais cuxo interese pasa o Telón de Grelos. Calquera manifestación popular das nosas tradicións representa para min unha mostra do noso acervo cultural, da cultura do noso (que non ten por que ser mellor ou peor ca outras, pero é nosa) que vueltaalcole-612x344os nosos devanceiros foron transmitindo garantindo a súa supervivencia futura, algo que nós debemos facer (é a nosa obriga) para cos nosos fillos. Porque a razón de ser dun pobo está na súa cultura. Por esa razón, levo estes días (bastantes) certamente indignado. A razón: neste proceso de transición cara a nova normalidade da que tanto se fala, escoito falar moito sobre as aperturas de terrazas, bares, cafeterías, restaurantes, hoteis, locais de ocio e podería seguir. Porén, non escoitei a ninguén falar aínda sobre os nosos nenos e nenas que non retomaron a escola (as medidas do ensino on-line poden estar ben, mais hai que pensar alén diso), sobre a súa problemática, sobre se hai un plan (coido que non, só din que en setembro volverá a normalidade) para ese futuro á volta dun par de meses. Con todo, o importante que me parecen as actividades comentadas, non quero pensar que pasa polas cabezas dos nosos estudantes cando ven que abren antes os bares que as súas escolas. Creo que a educación dos nosos fillos ben merecería sequera un mínimo de preocupación. Porque a cultura, a súa formación, é o que vai garantir o desenvolvemento futuro do país nos vindeiros anos.

Namentres pensaba niso, lembrei que o ano 87, foi un dos anos importantes na miña vida, pois rematei a carreira de Enxeñaría. Foi un ano moi duro, de moito esforzo, do que gardo con cariño multitude de detalles. As clases da materia de Máquinas Eléctricas, os compañeiros que mudaron en amigos, as horas de convivencia de biblioteca, as de estudo ata as tantas da madrugada, a dureza dos exames. Tamén os momentos de lecer, as partidas de parchís na cafetería (os días que non había algunha clase e contadas veces, pois eramos carne de biblioteca). O que si había sempre eran os dez minutos para o café no Montesol, acompañadas polos seus estupendos bocadillos de tortilla. Outras veces tocaban os de calamares acabados de facer do bar Camilo. As reunións e folgas de estudantes para evitar o traslado da escola, as conversas sobre temas variados da actualidade. Falabamos de cine sobre os primeiros premios Goya da historia, opinabamos sobre a dimisión de Willy Brandt, canciller da República Federal Alemá, ou intentabamos entender a segunda reconversión industrial en España que nós viamos como unha lastra no noso futuro profesional, xa que logo diminuía grandemente as nosas posibilidades de emprego. E alá pola primavera dese ano, soñabamos co que se podería facer cos vinte e dous millóns de libras que pagaron nunha poxa en Londres polo cadro Os xirasoles de Vincent van Gogh.

Rafael Laso Lorenzo