Estado de alarma. Día once.

difraces-casco
Estado de alarma. Día once.

Hoxe quixera escribir un artigo diferente, mais temo que non vai ser posible. Quixera ter palabras suficientes difraces-cascocomo para encher un xornal ou, como canta La oreja de Van Gogh, “escribir la canción más bonita del mundo”. Esas palabras que eu, todos nós, lle dicimos a outras persoas en circunstancias normais, pero que estes días quedan agochadas nun recuncho das nosas mentes, sen poder saír, para rematar por esvaerse coma brétema nunha mañá primaveral. Quixera saír á terraza e non ver a miña veciña do anorak mostaza paseando resignada; non ver o seu home vestido de rúa, cun pantalón gris elegante, camisa clara e chaleco cor azul mariña pensando, imaxinando, talvez, namentres camiña, estar un domingo na saída da misa. Hoxe quixera darlle ós meus pais os bicos e as apertas que lles debo, porque que levo todos estes días sen darllos. Gustaría de me atopares cun amigo na rúa e afundirnos nunha aperta para demostrarnos que a nosa amizade segue sendo a mesma. Quixera chocar as mans cos clientes, compartir cos compañeiros de traballo confidencias e anécdotas nos minutos do café. Quixera falar con quen non falo, quixera tocar o que non podo, quixera soprar, quixera esparexer con forza a semente da ledicia, da palabra, das apertas, para que nazan, medren e ninguén as esqueza.

Hoxe quixera borrar do meu maxín palabras que non me gustan, quixera espertar dun sono e que fose un mañá diferente, que todo o que estamos a vivir fose unha lembranza. Quixera ser o neno que fun hai cincuenta anos, cando a rúa era a nosa casa, o noso mundo, tal como Elena, a miña amiga da nenez, nos dixo un día ós compañeiros ceando todos xuntos. Hoxe desexaría ter a inocencia que tiven na nenez e borrar cunha goma estes días pasados, borrar dun golpe ese virus como se fose o garabato dun neno, un garabato mal feito con lapis nunha folla de papel.

Na terraza contigua á da muller do anorak mostaza, hai un home maior. Por riba da roupa viste unha bata azul escuro, desas de traballo. Fíxome nel. Non fai nada. Está só. Non podo apartarme do balcón, de contemplalo. Pasa o tempo. Levo case dez minutos e a súa ollada segue fixa nalgún punto indeterminado do beirarrúas do seu portal. Cando dan as oito, comeza a aplaudir. Ninguén sae canda el. Segue só, aplaude sen pestanexar, coa súa ollada impasible no chan, ata que decide retirarse.

Eu querería hoxe que soidade só fose unha palabra no título de libros fermosos: Cien años de soledad, de García Márquez; O infortunio da soidade, de X.C. Caneiro; El laberinto de la soledad, de Octavio Paz. Eu querería hoxe que existise a soidade sonora, como o título do poemario de Juan Ramón Jiménez. Pero abro a fiestra do meu cuarto e vexo a rúa completamente baleira, escura, a soidade silenciosa.

Quixera todo iso e non podo, porque na miña mente están todas esas persoas que este días morren sen ninguén ó seu carón, sen ningunha man a que agarrarse sequera por derradeira vez, sen sentirse acompañados no intre da marcha.

Por iso, malia que eu non os coñecese de nada e que como canta Dylan nunha das súas cancións “de nada serve sentarse e preguntarse por que”, quero acordarme deles aquí, coas palabras deste artigo que non quería escribir, pero que foi así porque as palabras que saen do corazón ninguén pode mandar nelas. Nin sequera quen as escribe.

Rafael Laso Lorenzo