Estado de alarma. Día quince.

Reconquista-balcón-750x375
Estado de alarma. Día quince.

Este 28 de marzo, foi festivo en Vigo, o día da Reconquista. Sen festa, sen celebración, sen Aurora, sen Carolo ou sen o ourensán Cachamuíña rachando cun machado a porta da Gamboa. Noutras circunstancias, o casco Reconquista-balcón-750x375vello da cidade estaría ateigado de xente vestida de época, de postos de lambetadas e de tapas varias. Pero este ano de coronavirus non houbo nada de festa nin celebración, mesmo coma onte en Xinzo, que non houbo feira. Porén, iso non foi impedimento para que os veciños da rúa Torrecedeira, celebrasen unha quedada por whatsapp para, vestidos con traxes propios da festa, celebrala dende fiestras e terrazas.

Hoxe, nunha das primeiras visitas que fixen á terraza para ver que acontecía na rúa, vin unha escena curiosa. Había un home baixando polo parque que temos diante do edificio. Non ía cun can, arrastraba un carriño da compra, no que apoiaba unha bolsa de plástico que contiña fariña ou arroz (difícil de precisar, dende a altura do meu piso). En canto foi vertendo o contido, centos de pombas e gaivotas achegáronse onda el, deixándoo rodeado e procurando coller os mellores bocados.

Cando baixei mercar o pan, facía un día marabilloso, solleiro, cunha temperatura de 22ºC. Se non tivésemos que estar enclaustrados, sería un día estupendo para a celebración da festa, porque nestas datas, a meirande parte das veces, chove.

Despois de xantar, dedicámonos as tarefas domésticas un par de horas, para despois ver unha película en familia. Como eu non son nada de televisión, saín varias veces á fiestra para ver que acontecía na rúa e no edificio de en fronte. Nin rastro do home da bata azul nin do marido da muller do anorak mostaza. Esta, parolaba animadamente con outra muller na terraza ao tempo que camiñaban ambas as dúas. Supoño que sería unha veciña súa, que non dispón dunha terraza tan ampla para poder camiñar.

Hoxe é tamén o cambio de hora, mais supoño que este ano tanto nos dará o asunto a uns e a outros, pechados como estamos. Quero pensar que con todo o tempo que levamos de encerro e co que nos queda por diante, tanto terá unha hora máis ou menos. Polo que lles levo contado ata agora, pode deducirse que o día foi un tanto aburrido. Acontece que, ás veces, as mellores cousas quedan para o final. Aínda que neste caso, foi así porque as circunstancias levaron a que así fose. Contra o final da tarde, soubemos que o goberno suspendeu a actividade laboral agás naquelas consideradas esenciais, o cal significa case que unha parálise do país. Tamén que a cantante galega Luz Casal, nun fermoso xesto solidario, chama por teléfono a aqueles que necesiten compaña, que me dá a min que van ser moitos. Na Coruña, o día mudou en festa, cos veciños cantándolle a Amancio Ortega o “cumpleaños feliz” e despregando pancartas como mostra de agradecemento polas súas doazóns ó sistema sanitario público. Aínda así, co que máis quedei abraiado, foi co detalle dos veciños do edificio fronte ó meu, o da señora do anorak mostaza. As oito en punto, hora na que se sae a aplaudir, había hoxe no mesmo máis veciños que nunca en fiestras e terrazas. Coido que non era para menos, pois volveron prender o alumeado de Nadal da fachada do edificio. Unhas liñas verticais, nove ou dez, moi longas, duns quince metros, vermellas, brancas, moradas, azuis ou multicolores. Imaxino que non as apagarán ata que pase todo isto. Arestora, as dúas da mañá pola hora nova, seguen acesas e son un espectáculo.

Rafael Laso Lorenzo