Estado de alarma. Día sesenta e catro

samil-coronavirus-k01D--620x349@abc
Estado de alarma. Día sesenta e catro

Despois de pouco máis de dous meses, volvemos a nosa casa de Moaña. A miña dona, o rapaz e mais eu, agardabamos esta fin de semana para poder achegarnos alí, malia saber o que iamos atopar: unha morea de traballo. Foi agradable atoparse cos veciños do lado, teñen unha casa grande que estiveron reformando e que veñen de rematar hai pouco. Son un matrimonio novo cun fillo e unha filla. Estivemos falando muro e enreixado de por medio. A eles pasáballe coma nós, estaban desexando vir, no seu caso mudarse, cousa que aínda non puideron facer porque o coronavirus impediu que os carpinteiros instalaran a cociña. No barrio sempre houbo gatos abondo. Son de todos e son de ninguén. Andan de xardín en xardín, un día aquí e outro alá. Cando abrimos o portal, había dous. Un descansaba sobre a mesa que temos fóra e o outro tomaba o sol recostado sobre o chan. Nin se axotaron ó vernos, de tan afeitos que están á xente e a andar ó seu. Cabo dun tempo, atravesaron o xardín e dun chimpo saltaron o peche do muro. O xardín non é moi grande, pero semellaba unha selva. Nas últimas vacacións en Portugal mercaramos unha oliveira que plantamos nunha esquina, baixo a sospeita de se iría adiante ou non. E tanto que foi. Está inmensa, nada que ver con aquel toro con dúas pólas que trouxemos.

samil-coronavirus-k01D--620x349@abcVisto o panorama, houbo que organizarse. Namentres a miña dona preparaba o xantar, eu podei o xasmín, tirei as malas herbas e seguei a herba. Que houbo que ensacar, cousa que levou o seu tempo e cinco sacos cheos. Como o día se prestaba, xantamos na mesa de fóra, baixo da terraza, onde non nos molesta o sol. Despois da sobremesa e recollido todo, puxémonos os dous a darlle o toque final, que nos demorou un par de horas. Acabado o xardín de abaixo, eu decidín continuar co da parte de arriba da casa, onde deixamos o coche. Alí, a edra estendérase por todo o chan, as malas herbas e as estrugas apoderáranse do muro. Foron precisos dous sacos máis para deixalo todo listo. Acabamos escangallados, pero a cousa ten a súa parte positiva, xa que logo mañá poderemos descansar todo o día.

A parte negativa, non a ten o xardín, senón a irresponsabilidade da xente. Hai cousas que claman ó ceo. O Morrazo sempre foi unha zona de praia de moito gusto da xente. Durante anos as colas eran interminables e un traxecto habitual de vinte minutos convertíase en dúas horas. Coa ampliación da ponte de Rande a cousa mellorou. Mais o que non semellar mellorar é o caletre dalgúns. En dúas praias de Cangas, concello seguinte ó de Moaña, a policía local tivo que mobilizarse por mor da chegada de usuarios ás praias. Estas, que están pechadas como medida preventiva, viron como decenas de persoas (tal como se reflicte na prensa) chegadas de fóra foron tomando posesión da area. Algo incrible. Eu de verdade que non o podo entender. Tivo que intervir a policía local e botar á xente dos areais de Nerga e Areamilla. Os que se resistiron foron multados. Cando escoito noticias coma esta, dou en pensar que pode acontecer nos vindeiros meses.

Mañá domingo é o día das Letras Galegas, que se dedicará este ano a don Ricardo Carballo Calero. Váiseme facer estraño non poder estar na miña vila de Xinzo, despois de non faltar nos últimos tres anos para participar nos actos festivos e na entrega do premio literario que honra a figura de Carlos Casares. Este ano non haberá actos na rúa, nin actividades como anos pasados. Gustaríame estar, sobre todo por ver as casetas das librarías da vila donas da Praza Maior.

Rafael Laso Lorenzo