Estado de alarma. Día sesenta e dous

fallece-luis
Estado de alarma. Día sesenta e dous

Pois xa temos o primeiro local multado en Vigo polo incumprimento da normativa sobre as terrazas. Parece ser que o seu dono negouse a atender as solicitudes dos axentes. Veño de escoitalo hoxe na radio, como tamén ó alcalde Abel Caballero, dicindo que se realizarán todas as accións oportunas debido a grande cantidade de denuncias presentadas por moitos cidadáns. Parece mentira que coa que está caendo (e non será por falta de avisos, que ben que os responsables do asunto non deixan de lembrárnolo) teñamos que estar vivindo escenas como as que se transmiten nos informativos da televisión. Eu, persoal-mente, non comprendo esa febre de ir tomar algo as terrazas e amorearse alí, pero non deixa de ser a miña opinión.

Hoxe pola mañá traballei na casa dende o computador portátil. As oito e cuarto da mañá xa estaba sentado diante del, para aproveitar esas primeiras horas do día, máis tranquilas. Como tranquila foi hoxe a reapertura da feira na miña vila de Xinzo. Todo o que sei foi por medio deste xornal e por algún outro, cos axentes municipais e protección civil colaborando na desinfección de mans ó entrar e saír do recinto.

Fixen unha pausa cando se ergueu meu fillo, para prepararlle o almorzo e a roupa para vestirse. A iso das doce, pediume se lle botaba unha man coas tarefas de inglés. Onte, el é mais a súa nai fixeron madalenas, como un exercicio que lle pediron na materia. Describir unha receita de cociña, relacionar os seus ingredientes e explicar nun vídeo a súa elaboración, así como realizar tamén fotografías para ilustrar a receita. E todo iso en inglés, claro. A verdade é que fixo un bo traballo e eu fíxenlle só un par de observacións que el deu por boas.

fallece-luisTodos vostedes acordarán de Luis Carballo, o publicista nado na nosa vila de Xinzo, coñecido por ser o creador do Pelegrín, a mascota do Xacobeo, e polo mundialmente famoso la arruga es bella, a exitosa campaña imaxe de marca de Adolfo Domínguez. Pois tal día coma hoxe, un catorce, día de feira, naceu o deseñador ourensán.
Neste día no que as estatísticas oficiais indican que se produciu unha alza no número de vítimas mortais no país, cómpre destacar un feito histórico. Tal día coma hoxe, un catorce de maio do ano 1796, o científico británico Edward Jenner realizou a primeira proba da súa vacina contra a varíola. Esa vacina ten salvado millóns de vidas en todo o mundo. A novelista María Solar, relatou na súa marabillosa novela Os nenos da varíola como a vacina foi levada a América nos brazos de vinte e dous nenos nunha viaxe en barco a comezos do século XIX. Eu desexo que en breve poidamos ter un remedio semellante para o coronavirus. Iso si, deberemos pór todos algo da nosa parte, para non escoitar declaracións como as desa muller ourensá que superou a enfermidade, coma inducido incluído, e que di (ao meu ver cunha razón que non lle falta) que “a xente non ten sentidiño, non sabe o que é isto”. Ela que o sufriu en carne propia, non llo desexa nin sequera ó seu maior inimigo. Aprendamos do que nos di Ánxeles, que ós seus 71 anos superou a doenza e que nos aconsella usar algo do que ben presumimos os galegos: o noso sentidiño. Fagámoslle caso, que nos ha ir ben.

Rafael Laso Lorenzo