Estado de alarma. Día setenta e catro

407
Estado de alarma. Día setenta e catro

Se hai algo bo que ten esta época de pandemia na que estamos, é dispor de algo máis de tempo para enredar con cousas atrasadas. Como o vindeiro luns deixarei o ERTE e volverei ó traballo, non poderei facer algunhas das cousas coas que me ocupo estes días. Como esta serie de artigos vai xa pola sétima decena, moitas veces, á hora de escribir, dáseme por pensar neses anos da miña infancia, polo feito da coincidencia numérica. Das lembranzas que gardo da década dos setenta, hai unha en concreto que me leva ata o ano 1974. Nese ano, os meus pais eran emigrantes (como moitos outros) en Alemaña, aínda partida en dúas metades: a occidental (RFA, onde estaban eles) e a oriental (RDA, na órbita da Unión Soviética). Ese ano celebrouse o mundial de fútbol na RFA. Acordo perfectamente dun dos agasallos que me trouxera meu pai: unha bolsa de plástico cos escudos das dezaseis seleccións participantes. España non estaba. Naquela final, xogaran a todopoderosa Alemaña (que se enfrontou á RDA na primeira fase e 407perdeu por 1-0) e a fabulosa Laranxa mecánica, a selección holandesa. Na miña memoria, abrollan nomes como o do porteiro alemán Sepp Maier (un compañeiro da escola, de nome Francisco, que xogaba sempre de porteiro nos partidos do recreo, facía unha brincadeira e chamábase a si mesmo Francisco Mora Maier, mudando os seus apelidos verdadeiros polos do porteiro do Barcelona e o da selección alemá), Beckenbauer, pero sobre todo Paul Breitner e Günter Netzer, que xogaron no Real Madrid, e Reiner Bonhof, que xogou no Valencia. A parella de alemáns do RM chamaba a atención. Eran coma os Zipi e Zape dos tebeos. Breitner moreno, cunha melena rizada e un bigote inmenso; Netzer, de melena lisa rubia. O primeiro, impetuoso. O segundo, tranquilo. Os seus nomes andaban en boca de todos os rapaces da época, aqueles que nos xuntabamos na do Marucho para compartir unha gasosa pequena e ver o partido do domingo pola tarde na televisión. Porén, tiña máis sona entre nós unha parella de perdedores: a holandesa formada polos dous Johan, Neeskens e Cruyff. Deste último, teño na memoria unha caricatura que pululaba entre os rapaces da vila, na que se vía unha ra coa cara do futbolista, que croaba dicindo croiff, croiff.

Naqueles anos, o noso mundo era a rúa, a vila enteira, con epicentro na Praza Maior. Non me imaxino un estado de alarma naquela época. Que sería de nós, a rapazada toda, confinados nas casas? Penso moito niso (tampouco tanto, pero de cando en vez, vénseme á cabeza) cando vexo o meu fillo, que non o levou tan mal (nin el, nin ninguén dos nenos e nenas compañeiros seus, que se portaron como campións durante o peche). En fin, os tempos mudan e adiantan, o cal quere dicir que imos progresando (malia que haxa algunhas cousas nas que tal progreso sexa máis que discutible).

Como consecuencia do progreso na loita contra esta pandemia, este mércores volverá a feira á miña vila e tamén as pulpeiras, como xa dixen onte aquí. Esta noitiña comentaba o detalle cun dos meus curmáns, e coincido coa opinión del, que vai ser unha boa feira. Alegraríame, sobre todo polos feirantes e as pulpeiras, que levan moito tempo sen poder traballar. O que lle pido desde estas liñas ós asistentes é tranquilidade. Falando disto último, gustaríame hoxe recomendarlles unha excelente película de John Ford: O home tranquilo. Soberbia interpretación de Maureen O’Hara e John Wayne. Este, por certo, naceu tal día coma hoxe, un 26 de maio do ano 1907. A primeira vez que vin esta película, hai moitos anos xa, deixoume abraiado o feito de que Wayne non fixese de vaqueiro.

Rafael Laso Lorenzo