Estado de alarma. Día setenta e un

1590234481_810798_1590234617_noticia_normal
Estado de alarma. Día setenta e un

Un amigo, lector destes artigos, envioume hoxe unha mensaxe para dicirme que el non vía que a xente fose moi responsable co uso do “tapabocas”, que, de feito, el vía que eran maioría os que non o usaban. Home cabal e razoable, a quen coñezo dende hai trinta e tres anos, temos moitas coincidencias, comezando porque as nosas donas teñen o mesmo nome, ambos os dous temos a mesma profesión, escribimos e somos devotos confesos dun tal Bob Dylan. Por iso acredito nas palabras que me di e na súa opinión ó respecto. Supoño que todo se debe a unha mera coincidencia e talvez a que sexa así na zona por onde el a maila súa dona adoiten facer o paseo diario. Hoxe, sen ir máis lonxe, vivín a experiencia por partida dobre. Pola mañá, cando fun a peixaría mercar o peixe para xantar. A grande maioría da xente que vin pola rúa, levábao. Incluso en xente moza, máis proclive a ir por libre, o uso era maioritario. Pola tarde, na saída co rapaz, tamén. Así pois, a cousa debe ir por barrios.

1590234481_810798_1590234617_noticia_normalHoxe fomos xantar á casa de Moaña e pasamos alí toda a tarde. Tiñamos ganas de ir ver o ambiente na feira, malia imaxinalo pequeno por ser talvez máis reducida, pero como a cola na peixaría demoroume moito tempo, finalmente non puido ser. As cousas, máis veces do que parece, non son tan doadas como nun principio imaxinamos. Namentres non chegue o calor duro do verán, podemos xantar na mesa de fóra, baixo da terraza, o cal é unha marabilla. Máis adiante, cando o Sol estea máis alto, o que vai ser unha ledicia é cear alí, coa fresca. En fin, para o verán aínda quedan unhas semanas. Hoxe aproveitei para lavar e aspirar o coche da miña dona. De cando en vez, estas tarefas son necesarias, máxime esta temporada, porque os dous lavadoiros de coche ós que adoito ir, están aínda pechados. Supoño que pouco a pouco irán abrindo. De momento, hai que agardar. Este domingo volveremos de novo pasar alí o día. Para ir a Xinzo tamén haberá que ter paciencia, pois contra o que eu pensaba, aínda non se poderá ir na semana vindeira, na que estaremos en fase dous. Vou confesar que, ás veces, un faise un lío co que se pode ou non se pode facer. As cousas deberían facerse con criterio e ser doadas e non ir mudando cada pouco.

Dicía antes que para o verán aínda quedan unhas semanas. Porén, hoxe souben das medidas que está a tomar o concello de Vigo, para o control de aforo nas praias. Nos areais de O Vao e de Samil, os máis concorridos dos existentes na cidade, o goberno municipal está a cuadricular a area con cinta marcadora, para delimitar zonas de uso. Cada unha das cuadrículas poderá estar ocupada como máximo por seis persoas ou oito se son familia. Vai estar prohibido xantar nas zonas de mesas que hai nos piñeirais e arboredo que rodean as praias. Só se poderán levar bocadillos para que a rotación sexa máis alta. Para que ninguén se salte está norma, van desmontar as mesas. Vaise prohibir fumar. Ó igual ca praia, o céspede do piñeiral tamén vai ser cuadriculado. Amais da vixilancia do cumprimento das normas por parte da policía local e persoal de protección civil, no xornal La Voz de Galicia dise que o alcalde confía na policía de toalla, ou sexa, os propios usuarios. En fin, veremos a ver que acontece e se a cousa transcorre con normalidade.

Rafael Laso Lorenzo