Estado de alarma. Día setenta e seis

IMG_20200506_123026
Estado de alarma. Día setenta e seis

Malia a distancia que me separa da miña vila, son e serei sempre un limiao en corpo e alma, militante (como se di para moitas cousas). A vida vainos levando a cada un de nós e poñéndonos no seu sitio definitivo. É como ese papel que unha racha de aire nos arrebata das mans levándoo suspendido na súa materia gasosa invisible ós ollos, ata que pousa nun lugar indeterminado.

IMG_20200506_123026Desculpen esta reflexión, mais vén do número que fai este artigo que están a ler, porque cadra cun ano importante na miña vida, 1976. Nese ano deixei a miña vila natal para mudarme a Vigo. Meus pais, chegados pouco antes de Alemaña, mercaran na cidade un piso e toda a familia mudámonos para esta cidade cosmopolita, xigante ós ollos do neno de once anos que era eu daquela. Meu pai viñera un pouco antes para traballar en Vigo e a miña nai quedara con nós na vila ata o remate do curso. Eu, daquela, cursaba quinto de EXB no colexio que hoxe leva o nome de Carlos Casares mais naquel tempo era o Sergio Mascareñas. Tiña por mestre a don Pepe Gude e o director era o Lochas. Pasado o tempo, cando me deu esta teima de escribir e tiven a sorte de ver publicados varios libros, volvín a el para falar da miña escrita cos rapaces. Desfrutei moito volvendo ó lugar onde estudiara de rapaz. Nin que dicir que fun recibido marabillosamente, tanto polos rapaces como polo claustro, e pasei un día estupendo.

En Vigo, no colexio, notei grandemente a diferencia coa miña vila. O xeito de falar non era o que eu tiña asimilado. Os ghichos, espais, patatillas, vitrasas, mirar e moitas palabras máis as que eu non estaba afeito, facían do castelán vigués un idioma diferente. Lembro perfectamente que cando eu quería amolar os compañeiros non tiña máis que dicirlles que non me guicharan os exercicios ou que non se lles ocorrese latar as clases. Foi nese ano, onde tomei contacto por vez primeira coa lingua galega a nivel de estudo. Tiñamos unha profesora de Lugo, dona Felisa, que nos contaxiou o seu interese pola literatura en galego e, a min en particular, pola escrita. Por mediación dela participei nun concurso literario que rematei gañando. En calquera caso, a vida era moi diferente.

Como diferente vai ser a partires de agora, despois desta pandemia que espero superemos dunha vez por todas. Acabo de escoitar dúas noticias desas que deixan mal o corpo. A primeira é o peche da fábrica de Nissan en Barcelona. Mala noticia para os tres mil traballadores que pasaran a engordar as listas do paro. Iso, sen contar os traballadores das empresas auxiliares. Pode ser un drama. Outro tanto vai acontecer coa planta de Alcoa en Lugo. A multinacional vén de anunciar o despido de 534 empregados. Outro drama. Non sei eu, mais a min dáme no corpo que a cousa non fixo máis ca comezar. Así que postos a pensar, prefiro facelo neses anos da miña nenez, nos que fun tan feliz e alleo a problemas coa estes de hoxe.

Rafael Laso Lorenzo