Estado de alarma. Día setenta e sete

coronavirus-profesionales-sanitarios-infectados-espana-3470
Estado de alarma. Día setenta e sete

Gústanme os números dobres, como o que fai este artigo que comezo a escribir a última hora do venres. Non é que teñan nada especial, pois os números, como a idade, só son un número. No fondo, será talvez porque son amante da simetría, que ten un aquel como de perfección. Ou talvez porque poida que sexa unha teima. Gusto dos números capicúas ou de procurar ese eixo imaxinario que divide en dúas partes iguais e contrapostas nos monumentos que visito cando viaxo. Neste caso, o importante non é o número deste artigo, senón que a vostedes lectores lles guste e pasen léndoo un tempo entretido.

coronavirus-profesionales-sanitarios-infectados-espana-3470O caso contrario aconteceume hoxe a mañá, lendo a prensa. Non puiden menos que sentirme mal vendo a imaxe dese policía norteamericano (seica veñen de acusalo de asasinato) apertando coa forza do seu xeonllo o pescozo dun home de nome George Floyd. E quedo abraiado polas declaracións de Donald Trump chamándolle matóns ós cidadáns que se manifestan en protesta pola morte dese home.

Deixei esa noticia para ler un artigo sobre os contaxiados por coronavirus entre o persoal sanitario. Semella incrible que pasen dos 51000 os profesionais afectados. Cunha cifra así é para preocuparse (tendo en conta que o número total de contaxiados vai xa polos 238500, os sanitarios afectados representan pouco máis do 21 por cento do total. En fin, que para non seguir lendo penas no xornal neste arranque da fin de semana, decidín non ler máis.

Hoxe foi un día dedicado as tarefas domésticas. Onte rematou os arranxos o pintor na casa de Moaña. Parece mentira (malia telo pasado máis veces, non me dou afeito) a cantidade de po que se acumula nunha casa inda que sexa só por pintar tres paredes. Así pois, pasamos a tarde alá toda a familia. A miña dona e mais eu retiramos envoltorios, barremos e fregamos, recolocamos o mobiliario retirado para que os operarios puidesen facer o seu traballo con comodidade. Ata o rapaz botou unha man no que puido. Con todo rematado, volveremos mañá para pasar alí a fin de semana. Será algo estraño, despois de tres meses. Pero valerá para coller folgos con vistas á semana vindeira, na que toca reincorporarse ó traballo, do que levo quince días fóra por mor dun Erte. O que si se nota xa, a máis da xente na praia, é que abriron xa moitas terrazas, pois a principios de semana podían contarse cos dedos dunha man. Se a iso engadimos que abriron tamén algúns restaurantes, a vila vai collendo o ritmo cara a normalidade. Cara a normalidade andou España no ano 1977. Nese ano promulgasen varias leis que supoñen a liquidación do estado franquista e teñen lugar as primeiras eleccións democráticas, tamén a sinatura do Pactos da Moncloa e a proclamación da Lei de Amnistía. Eran os primeiros pasos dunha democracia que nos trouxo ata o día de hoxe.

Rafael Laso Lorenzo