Estado de alarma. Día trinta e catro

Background of a facade with balconies in Madrid
Estado de alarma. Día trinta e catro

Esta mañá, a iso das oito, cando ía no coche camiño do traballo, fíxenme unha pregunta por simple curiosidade. Cantos días máis se prolongará o estado de alarma? A estas alturas non sabemos a resposta. Como non quería cavilar máis nese asunto, pregunteime que acontecería no mundo no día 16 de abril doutros anos. A pregunta quedou ancorada no meu maxín ata o intre de chegar a casa pola noite. Para satisfacer esa curiosidade, comecei a ver algún libro e consultar algunhas cousas en Google. Resulta que tal día como hoxe, cousa esta de interese para os afeccionados ó fútbol, fundouse o Manchester City en 1894. E aqueles ós que lles agraden as revistas do corazón, saberán ben que un 16 de abril de 1956 casaron Rainiero de Mónaco e Grace Kelly, como ben lembrarán vostedes, protagonista xunto con James Stewart da película A fiestra indiscreta. Xa posto a investigar, tamén nun día coma este naceron Charles Chaplin, o papa Benedicto XVI ou o presentador Javier Sardá. E como dicía meu sogro, que para morrer só fai falla estar vivo, nun 16 de abril finaron o cantante Nino Bravo, o pintor Francisco de Goya ou a científica Rosalind Franklin.

Background of a facade with balconies in MadridDa morte de Nino Bravo alá polo ano 1973 aínda gardo eu, malia os meus oito anos, a idea de que saíu moito tempo nas noticias dos xornais e na televisión en branco e negro da época. De Rosalind Franklin coñecía máis cousas, pois de sempre me atraeu a ciencia e esta muller é unha das grandes científicas, malia morrer moi nova (ós 37 anos) por un cáncer de ovario, consecuencia da súa exposición ás radiacións namentres investigaba cos raios X. Ela mellorou grandemente o aparato e a técnica de difracción dos RX para aplicala á molécula do ADN e así obter fotografías dunha calidade que ninguén antes conseguira. Nos resultados espectaculares do seu traballo, baséase a proposta da estrutura do ADN de Watson e Crick, que ademais foi apoiada pola propia Rosalind. Mais naquela época na que as mulleres na ciencia eran consideradas un elemento estraño, a comunidade científica británica aínda estaba pechada en si mesma máis do necesario. Catro anos despois da morte da científica, Watson, Crick e Wilkins recibiron o Premio Nobel de Medicina polo seu traballo sobre a estrutura do ADN. Os dous primeiros, non tiveron sequera o detalle de nomear a Rosalind Franklin no discurso de aceptación do premio. Eu, dende estas liñas, quero renderlle a miña pequena homenaxe a esta gran muller no aniversario do seu pasamento.

Cambiando de asunto, souben por unha noticia publicada no xornal La Voz de Galicia e que me remitiu un amigo, que no edificio fronte ao meu, ese do que lles falo nestes artigos, o da señora de anorak mostaza que pasea na terraza acompañada moitas veces polo seu home, a xente que vive nel saíu en defensa do persoal sanitario que reside no edificio. Como o fixeron? Pois seica colgaron no portal un cartel de agradecemento no que lle din que están orgullosos deles. Son dous médicos, dúas enfermeiras e unha auxiliar. Eu súmome a ese agradecemento dende aquí, a esa opinión que comparto totalmente. Non como esoutra nalgúns lugares nos que lle pintan o coche con insultos ou lle deixan notas no portal con mostras da baixeza e mala educación máis extrema. Mal asunto este, quen o fai debería lembrar que, de estares el enfermo, tería que ser atendido, tratado ou curado pola persoa á que el insulta.

En fin, que o mundo está cheo de desagradecidos. Sorte que creo que son os menos. Cando volvo do traballo a casa, pola miña ruta habitual, vexo en moitas fiestras cartolinas con debuxos de arcos da vella, coas súas sete cores. Alégrame moito velos. Así, que aínda que só sexa por iso, eu, pola miña parte, estoulle enormemente agradecido a todos eses nenos, nenas, rapaces ou rapazas que os pintan.

Rafael Laso Lorenzo