viernes 3/12/21

Este artigo de hoxe é especial. Porque é centenario. Quero dicir que fai o número cen dende que comecei a escribir para este xornal, do que creo que toda a nosa vila se sente orgullosa. Para min é importante porque significa que dunha maneira ou outra isto que escribo consegue atraer a atención dos lectores, malia contar pequenas vivencias miúdas, comentar algún que outro libro e algún que outro episodio curioso da historia da miña vila. Lembro aquel primeiro artigo do 23 de outubro do ano 2014 que titulei Patacas da Limia... Sempre!  E despois de case seis anos o meu agradecemento ten que ir necesariamente para todos os lectores do xornal, que en definitiva son os que lle dan vida e permiten que o proxecto estea hoxe consolidado e siga adiante. Espero que o artigo que faga o segundo centenario destas humildes colaboracións, non tarde tanto en chegar. Dende estas liñas, dende Vigo onde escribo, dende a Limia, gracias.

Bizcocho-3-chocolates-1Fun pensando en todo iso cando ía para o traballo despois de xantar. Cavilando en que as circunstancias cambiaron moito e que cando vostedes lean isto, irán trinta e dous días deste estado de alarma que nos ten confinados nas nosas casas, afastados ou illados dos familiares. Polo camiño tiven que parar na gasolineira para encher o depósito do coche. Estaba case baleira, pois de dez surtidores só dous estaban ocupados. Non lembraba o gasóleo tan barato, a noventa céntimos o litro. Esta crise do coronavirus estanos a pasar factura en moitos aspectos da nosa vida. Non sei se finalmente mudarán algúns dos nosos costumes ou cando todo pase a vida seguirá igual, como na canción de Julio Iglesias. Xa se verá, mais polo que escoitei hoxe nas noticias e leo na prensa, o aumento do paro e do endebedamento do país, acadará niveis nunca vistos.

Pouco antes de saír da oficina, o ceo tinxiuse de cor cinza escura. Os tronos retumbaron no ceo. E cando subín ó coche, os lóstregos escachaban no aire coa paisaxe das Illas Cíes ó fondo. Despois comezou a chover a cachón. Tal como corresponde a este mes de abril das chuvias mil. Pero como nunca choveu que non escampara, o ballón durou pouco. Volvín polo centro de Vigo e non pola circunvalación, para así poder parar na farmacia e recoller unhas cousas. Supoño que recordarán aínda os meus veciños paseantes da terraza. Na hora dos aplausos hoxe volvía estar só o home. A ver que acontece mañá. Falando de terrazas hoxe vin unha realmente espectacular, moi, moi grande, nun primeiro piso da Travesía de Vigo. Unha muller camiñaba por ela, ollando de cando en vez para os coches da rúa.

Ó meu fillo, volvéronlle comezar hoxe as clases on line. Para empezar, tiveron unha entrevista coa titora e despois unha chea de tarefas para ir facendo. Unha delas, gravar un vídeo contando a súa experiencia do que facer para non aburrirse. Estivemos vendo varios vídeos feitos polos compañeiros. Había cousas moi interesantes e imaxinativas. E tamén outras que non tanto. Queren saber cal foi a máis repetida? Pois a de facer un biscoito. Agora entendo a razón de que a fariña estea esgotada en moitos supermercados.

                                                                                                                                                                                   

Rafael Laso Lorenzo