Estado de alarma. Día trinta e cinco.

giuujgiwwjwxegjyw3ll
Estado de alarma. Día trinta e cinco.

Este 17 de abril foi un día estraño. Pola mañá de camiño ó traballo choveu arreo. Contra o mediodía parou e ó final da tarde fixo un fermoso tempo de sol.

giuujgiwwjwxegjyw3llPoderá vostedes dicir que iso tanto ten, porque nin se pode cantar baixo a chuvia, nin dar un paseo baixo das nubes nin tomar o sol paseando pola praia. Ningunha desas cousas están permitidas nestes días.
Hai algúns anos, concretamente en 2014, tal día coma este o mundo da literatura tinguiuse de loito, pola morte dun dos máis grandes escritores dos últimos tempos: Gabriel García Márquez, premio Nobel de Literatura e autor de novelas como Cen anos de soidade ou O coronel non ten quen lle escriba.

Hoxe foi o derradeiro día de traballo, ata que me reincorpore unha vez pasadas dúas semanas (unha de vacacións e outra de ERTE). Espero que para ese intre, a situación teña mellorado algo. De calquera xeito, imos ter que seguir sendo positivos.

Desta volta si que puiden estar na casa para os aplausos das oito. Na terraza aplaudimos toda a familia en tanto eu aproveitaba para botar unha ollada ó edificio de en fronte. Alí estaban os de costume: o matrimonio do noveno coas bandeiras de España, Galicia e os restos dos globos; a señora do terceiro que almorza fóra na mesa da terraza; o matrimonio do outro terceiro contiguo ó anterior, que coma nós, tamén saen aplaudir co seu fillo; a señora do anorak mostaza, hoxe cunha chaqueta escura e aplaudindo ó tempo que camiñaba na compaña do seu home.

Despois de cear, púxenme a xogar unhas partidas de Virus co meu fillo. Ou eu non teño o santo de cara ou non sei como fai para gañar case sempre.

A cousa que máis me chamou a atención neste venres, foi un detalle que vin ó volver de botar o lixo no contedor. Nunca me fixara antes. Hai unha vivenda do primeiro piso, que ten a carón do felpudo uns zapatos e unha fregona. Iso si que se chama previsión. A min paréceme ben, cada quen toma as súas propias decisións. E falando de decisións, o meu apoio absoluto para esa idea da alcaldesa e os directores dos catro colexios da miña vila, de convocar un concurso literario, baixo o nome de Contos dende o confinamento. O que máis me agrada da idea, é que a participación sexa familiar, contando no relato que escriban como levan a corentena. Eu animo dende estas liñas a participar e espero que sexa moi alto o número textos que reciba a organización. A idea de que toda a familia participe escribindo nun conto a súa experiencia persoal paréceme magnífica. E o libro que se publique, conterá, seguramente historias marabillosas que emocionaran os lectores. Eu, xa estou agardando por el.

Rafael Laso Lorenzo