jueves. 01.12.2022

Hoxe recibín un whatsapp dun amigo da Coruña, que le estes artigos que eu escribo no xornal. Dicíame que o artigo de onte traíalle moi boas lembranzas, sobre todo por Kim Carnes, pois el tamén estaba engaiolado pola súa melena loura e pola súa voz. Despois lembroume outro cantante da época, que morreu o mes pasado ós oitenta e un anos. El definiuno como “o trobador do country” así que non podo menos que falar aquí de Kenny índiceRogers. Volvín escoitar a canción que o meu amigo mencionaba na súa mensaxe, que non era outra que The Gambler ou O xogador. Como esta tempada semella que vou ir de casualidade en casualidade, na letra da canción hai un verso que di “turnámonos para ollar pola fiestra” algo que eu fago moitas veces no día. Noutro verso di que “a noite acadou un silencio mortal” algo que eu xa lles teño contado noutros artigos. Cando abro a fiestra ás doce da noite o silencio é o dono absoluto da rúa.

Estes días todos somos xogadores dunha partida contra un virus que quere gañala. Se imos xogar ó xogo, temos que aprender a xogalo ben. Iso di a canción. Non podemos ir a peito descuberto. Os nosos sanitarios, persoal das residencias de anciáns, moitas máis persoas que están xogando unha partida para que nós non a xoguemos, necesitan medios de protección e equipamento axeitado. Aplaudo dende aquí a iniciativa do noso concello de Xinzo, que adquiriu milleiros de prendas de protección para repartir entre ese persoal especializado. Neste caso, a vida é coma un xogo de naipes. Dun lado, nós. Do outro, o coronavirus. Temos que saber cando manter as cartas, cando tiralas. Hai que saber cando debemos retirarnos, cando debemos correr. Cada xogador sabe o segredo para sobrevivir. Non son frases escritas por min, son transcritas, versos da canción de Kenny, o vello vaqueiro de barba prateada que foi escoitado por máis de medio mundo.

Somos xogadores, miramos as nosas bazas e xogamos para gañar. É unha colaboración entre todos. Todos somos importantes. Ou case. Porque acaba de me vir á mente unha escena de hoxe a tarde estando no balcón mirando como pasa a vida. Un rapaz de vinte e poucos... en bicicleta pola rúa. Dende estas liñas dígolle non home, non, así non. Temos que ser responsables, non só por nós, por todos. Parece mentira, que unha cousa que toda a rapazada está entendendo tan ben, outros máis maiores non o entendan. Co esforzo de todos, sairemos desta partida que estamos comezando a gañar.                                             

Acabo de facer un alto na escrita do artigo. O reloxo marca as doce da noite, hora na que sempre dedico uns minutos a ver o mundo ó través da fiestra. O camión do lixo atravesa a rotonda e xira á dereita. Detense a carón diante dos contedores situados á altura da panadería. Cárgaos e baléiraos dun xeito automático. Cando remata, segue a súa marcha ata o seguinte punto de parada, que a miña vista xa non acada a ver. Non hai ningún coche máis pola rúa. Fíxome nas fiestras do piso dos camiñantes da terraza. A través delas aprecio o brillo dun televisor prendido, as imaxes dun programa que a señora do anorak mostaza e mailo seu home estarán a ver. No resto do edificio hai dezaseis fiestras polas que se albisca a luz. O resto están a escuras, pois talvez o seu tempo de hoxe rematou e fóronse deitar. A min aínda me queda un rato, namentres remato este artigo que fai o número vinte e cinco, número que coincide co do día do meu aniversario. En breve será o da miña dona, mais este ano celebrarémolo en reclusión domiciliaria.

Como foi a música a que me trouxo o comezo deste artigo, tamén vai ser ela a que me traia o remate. Acabo de poñer no computador música de rock and roll. E soa o Rock around the clock, de Bill Haley; o Johny be good, de Chuck Berry; e o Hound dog, do rei Elvis. Eu non son nada bailarín. Non sei se contei aquí algunha vez que o asunto do baile é algo que non entendo. Porén, imaxino os meus pais, grandes bailaríns, nos seus anos mozos bailando algunhas destas cancións. Hoxe non, e non porque lle falten as ganas. Acontece que, pechados na casa, para bailar rock and roll o que talvez lle falte sexa sitio.

                                                                                                                                                                                   

Rafael Laso Lorenzo