Estado de alarma. Día vinte e nove.

estein
Estado de alarma. Día vinte e nove.

Non sei como vai saír este artigo de hoxe. A culpa vai ser da dor de cabeza que teño. Esperemos que o paracetamol faga o seu traballo e tamén a música do xaponés Kitaro, relaxante onde as haxa.
esteinDespois de cear xoguei unha partida de xadrez co meu fillo. Desta volta non me gañou, mais un erro meu no derradeiro movemento, propiciou unhas táboas cando eu tiña a partida gañada. Está visto que debo seguir mellorando. Ó remate da partida preparei un café descafeinado con leite e, para relaxarme un pouco, fun tomalo sentado tranquilamente na terraza do salón, onde temos unha pequena mesa. O cacto florecido semellaba ollar para min como querendo falarme. Estiven a piques de dicirlle algo.

Antes de poñerme a escribir necesitaba ese descanso, despois de estármonos toda a tarde rematando os traballos pendentes no rocho. Acabamos todos cansos, de tanto recoller, limpar e baixar bolsas ó contedor do lixo. A boa noticia, é que por fin rematamos.

Non fomos os únicos que estes días andamos nesa tarefa. Hoxe a tarde, atopámonos alí con Morris, o actor, que é veciño noso e tamén andaba nesas lideiras. Estivemos un rato de parola, falando das vantaxes e inconvenientes de ter un rocho grande. Máis tarde volvín cadrar con el indo botar o lixo o contedor. Tamén nos atopamos cun veciño do cuarto, compañeiro de traballo do meu cuñado ata que este se xubilou. En fin, que había máis actividade alí enriba que na rúa.

Namentres estabamos nesa tarefa, chamou a miña cuñada. Amais de nos dicir que está a ler os meus artigos, aproveitou para comentar que atopara un fallo deses que os entendidos na materia cinematográfica chaman de raccord e que tamén se dan na escrita, cando nunha parte dun texto dise unha cousa e máis adiante dise outra que non concorda coa anterior. Nótase que a versión que lle enviei non foi a definitiva que se publicou no xornal, pois aquí saíu corrixida. En calquera caso, esta ben que o chamen a un inda que sexa para dicirlle onde meteu a zoca. O de fixarse en detalles tan pequenos, indica algo que eu xa sabía, que é unha gran lectora.

Sentado na terraza co café, dei en cavilar nunha adiviña matemática que a miña dona recibiu no whatsapp e a que non lle atopei solución. Ese é outro dos pasatempos familiares destes días, pois no grupo familiar sempre alguén envía un problema para resolver. A min gústanme moito ese tipo de cousas porque me obrigan a pensar. Precisamente neste tipo de situacións como a que estamos a vivir, vese claramente que moita xente agudiza o enxeño con cousas realmente curiosas. Dicía Albert Einstein que a crise é a mellor bendición que pode acontecerlle a persoas e países, porque a crise trae progresos, pois a creatividade nace da angustia. Engadía tamén que é na crise onde agroma o mellor de cada persoa. Por iso insisto en que desta situación sairemos entre todos, porque somos todos os que estamos aportando o noso gran de area inda que so sexa co feito de quedármonos na casa. Espero que mañá sexa un día coma hoxe ou mellor aínda, que siga baixando o número de vítimas.

No edificio fronte ó noso, hoxe non me cadrou ver a muller do anorak mostaza e o seu home. Tampouco ó señor da bata azul. Namentres tomaba o café na terraza, estiven a observar toda a fachada con calma. Teño tamén unha boa noticia sobre el, así que non todo está perdido. Cóntolles: No lado escuro, había un par de fiestras con luz.

Rafael Laso Lorenzo