Eu casei ó primeiro cura católico

Eu casei ó primeiro cura católico

ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE

Dende hai anos, pendura sobre a igrexa católica a  incómoda pregunta sobre o posible casamento dos curas, nun futuro non moi lonxano.

Exceptuando unha minoría de abades gregos e coptos, que si o poden facer, os demais deben mante-lo celibato de xeito obrigatorio.

Pois ben, o actual papa Francisco, á súa volta dunha viaxe a Terra Santa, e cando voaba entre Tel Aviv e Roma, dixo que o celibato non é un dogma de fe e polo tanto a porta para que se poidan casa-los curas está sempre aberta.

Non estou dacordo coa afirmación de que aínda non se casou ningún, pois eu mesmo, hai máis de vinte anos, casei un. Si, amigo lector, o primeiro cura católico que casou, caseino eu. E dirá vostede:

-E quen es ti para ostentar tal privilexio?

Voume explicar e han de o entender perfectamente.

Alá polo mes de decembro do ano 1992, tomei posesión como funcionario da Administración de Xustiza. O primeiro destino que me esperaba estaba nun rexistro civil da provincia de Pontevedra. Ese mesmo día comezaba comigo un compañeiro, tamén de novo ingreso.

O nerviosismo lóxico do primeiro día de traballo, transformouse en terror, cando nos comunicaron que o funcionario veterano que nos ía acompañar para as primeiras prácticas, estaba desfrutando das vacacións do Nadal.

Alí quedamos, eu mailo meu novo compañeiro, sos e desamparados, diante dunha multitude de clientes que esperaban á porta da oficina para solicita-las súas fes de vida, certificados de nacemento ou practicar asentos e inscricións.

O feito de sentirnos observados, aínda nos producía máis inquietude.

Vímonos forzados a trazar un plan estratéxico de defensa que consistiu en atender entre ámbolos dous cada petición individual, o que provocou algunha protesta, pero verían máis catro ollos ca dous.

A mañán foi pasando sen grandes atrancos e ata lle estabamos collendo un aquel ó traballo, polo variado e interesante que resultaba.

A derradeira persoa que entrou na oficina, foi unha muller que nos presentou unha acta eclesiástica de matrimonio, da voda da súa filla, que casara o día anterior.

En virtude do recollido no corpo desa acta, certificada polo cura que consentiu o matrimonio, nós debiamos practica-la inscrición no libro correspondente a sección segunda de matrimonios do rexistro civil, para darlle validez legal.

Cousa seria, practicar un asento nos libros. A teoría que tiñamos ben aprendida, e que estaba recollida no regulamento e na lei do R.C., facía fincapé en que non podería haber ningún erro, enmenda nin tachadura no corpo da inscrición. Ía quedar no libro para sempre como documento único.

Acordamos entón que o meu novo compañeiro iríame ditando os datos un a un, e eu  iríaos escribindo do temido libro.

Cómpre dicir, que a acta eclesiástica de matrimonio, encabézase co nome do cura certificante, logo van os datos do noivo e deseguido os da noiva.

Postos na delicada tarefa, rematamos a nosa primeira inscrición oficial nun libro da sección segunda do rexistro civil, con letra clara e perfectamente lexible. Aquilo pareceunos unha obra de arte e, abofé que nos sentimos cheos co noso primeiro traballo importante.

Pasados varios días, acudiu á oficina a noiva provista do seu dni, para recolle-lo seu novo e flamante libro de familia, que nós lle fixemos con todo o esmero e calidade que se podía esperar.

A rapaza, rebosante de ledicia, recolleu o libro, de pastas azuis e letras douradas, coma se fose un diploma ou mesmo un premio literario. Foise moi agradecida.

En menos de dous minutos voltou. Faltáballe chorar. Tatexaba ó falar e non eramos quen de entender o que nos tentaba  dicir ou cal era a súa reclamación.

Pousou o libro de familia enriba da mesa e co índice dereito non deixaba de sinalar a folla onde estaban anotados os datos do noivo.

En situacións complicadas, se algo pode saír mal, ha de saír mal.

Un erro ó dita-los datos da acta, fixo que cambiarámo-los datos do noivo polos do cura certificante.

 - Casarámola co cura!...

Houbo que facer de inmediato un expediente de rectificación de erro que restableceu a normalidade marital dos contraentes e maila liberdade do cura, que só estivo casado uns días.

Se nun futuro non moi lonxano aparece nos xornais a nova de que se vai poder casa-lo primeiro cura católico, vostedes, amigos lectores, xa saben que non é de todo correcto...

Eu sempre digo que os que tivemos a grande sorte de nacermos ó pé do Limia imos adiantados ós tempos...