Eu creo na política... EN MAIUSCÚLAS

Eu creo na política... EN MAIUSCÚLAS

Desde hai algún tempo e con demasiada frecuencia, escóitase por tódolos lugares que os políticos por natureza son seres corruptos, aproveitados, vividores,… afirmacións que eu non comparto en absoluto aínda que entendo que algúns, co seu comportamento, dan razóns de máis para que a cidadanía teña este concepto dos seus representates públicos.

Os políticos non son uns individuos que veñen doutro planeta, son persoas coas mesmas virtudes e cos mesmos defectos ca o resto de cidadáns. Polo tanto, se temos algúns políticos corruptos, aproveitados e vividores, a maioría afortunadamente non o son, é por que tamén no conxunto da cidadanía hai persoas corruptas, aproveitadas e vividoras, claro que as hai!. Certo é que aqueles que ostentan un cargo de representación pública teñen a obriga de ter un comportamento exemplar, que ó común dos cidadáns na nosa sociedade non se lle esixe, aínda que se queremos ser algún día un País serio, debería esixirselle igualmente. Ademais considero un mal costume a xeneralización: non se pode dicir que tódolos políticos son iguais, do mesmo xeito que non o son os carpinteiros, os médicos, os albaneis ou os avogados; en tódalas profesións, igual ca na política, que non debería ser unha profesión senón unha  vocación, hai xente honrada, comprometida e traballadora, e hai outra xente que non o é. Por iso eu cando escoito o de que tódolos políticos son iguais sempre contesto que non son nin parecidos. E para comprobar isto non fai falta ir moi lonxe, como diría o meu tío Pepe “Jalejo” non fai falta ir a Madrid, se miramos ó noso arredor, nestas terras da Limia, temos exemplos varios de políticos corruptos, aproveitados e vividores, pero tamén afortunadamente hai outros que indempendentemente da súa ideoloxía, todos podemos recoñecerlle a súa adicación, compromiso e honradez.

Por iso, aínda que nestes tempos que corren o fácil sería alimentar o lume contra o actual sistema de representación política que algúns están moi interesados en que prenda con forza, eu sempre defenderei a necesidade da política, iso sí da POLÍTICA con maiúsculas, esa política que Castelao definía como “a arte de convertir os soños en realidades”, e para  iso fan falta políticos honrados, comprometidos e traballadores, evidentemente outros comportamentos absolutamente rexeitables, sobran na política, pero tamén no conxunto da sociedade.