O eurodeputado da Limia

alcalde
O eurodeputado da Limia
ILDUARA DE GUTERRI Escoiteino máis dunha vez. Falaba todo cheo de razón. Incluso parecía que convencía. Aquel home que enchía un...

ILDUARA DE GUTERRI

Escoiteino máis dunha vez. Falaba todo cheo de razón. Incluso parecía que convencía. Aquel home que enchía un traxe de vintecinco alfinetes. A revelación ca que se lle enchía a boca non era outra ca de: “ no concello de Xinzo sobra moito persoal”. O certo é que o secretario e a interventora xa non están. Pero sumouse algún máis e houbo subidas na escala.

O caudillo, o libertador, o mesías… de Vilar de Lebres, no cal tiñan postos os ollos moitos limiaus, resultou un chasco. E para máis inri, ó final, pasoulle coma aquel galo , pai da Microloxía Médica, ante o fruteiro. Despois de impartirlle ós comensais da súa mesa case que unha conferencia sobre a hixiene e o importante que é lavar a froita antes de comela, para liberala das bacterias e non caer nunha infección, no éxtases da disertación acabou bebendo a copa de auga na que enxaugara as mazás.

 Neste entroido vímolo pouco. Ou moi ben se encarantoñou, ou tívolle medo ás inclemencias do tempo. Hai quen di que adiantou a coresma, posto que a semana de paixón comézalle o día vinteún de marzo. E este ano vaina facer por etapas, como xa fan moitos o Camiño de Santiago. A segunda etapa tena o día vintecatro.

Nesta andaina polo deserto xa hai quen ten saudade das cebolas de Exipto. O sempiterno rexedor de Xinzo de Limia que mesmo empatou dous milenios, segue provocando morriña. Estes nostálxicos que pensen que todo tempo pretérito foi…anterior, e non necesariamente mellor. Tamén se cocían fabas.

 A continuación da semana de paixón vén a pascua florida. Pero antes hai que pasar polo pretorio. Pode ter a sorte de topar cun Pilato que se lave as mans, ou polo contrario ter que enfrontarse cun deses xuíces implacables que estudiaron no mesmo libro ca que compite en beleza ca Virxe da Macarena.

 O que si me costa crer é que o Mariano non presente a candidatura ó Parlamento Europeo, pendente do rumbo que van a coller os acontecementos. Agora si, se o xenio e figura do PSOE e “campeón da operación”, Pepiño Blanco, forma parte dos cinco primeiros da candidatura as europeas; a súa antecesora na carteira de fomento segue de vicepresidenta do Banco Europeo de Inversións. Por que non o Tony Pérez eurodeputado?.

Non dabamos un pataco polo Chikilicuatre e quedou de dezaseis nunha recua de vintecatro.