Exiliados monárquicos portugueses na Limia: 1911-1912 (1ª incursión)

Paiva Couceiro (1861-1944)
Exiliados monárquicos portugueses na Limia: 1911-1912 (1ª incursión)
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO Nos anos 1911 e 1912 residían en Xinzo exiliados monárquicos portugueses, fuxidos despois da revolución que proclamou a...

EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

Nos anos 1911 e 1912 residían en Xinzo exiliados monárquicos portugueses, fuxidos despois da revolución que proclamou a República e que destronou o rei Manuel II en outubro de 1910. Creaban numerosos problemas de convivencia, tanto cos veciños, coma cos visitantes portugueses que viñan ou que pasaban pola nosa vila. De trato moi descarado coas mulleres, eran criticados na prensa local, chamábanlle “paivanes” e covardes por ter fuxido e non quedar en Portugal a defender o rei e as súas ideas monárquicas, e pedíase a súa expulsión da nosa terra. O tema era serio, pois os “manuelistas” conspiraban para derrocar a recente república portuguesa; falábase de contrabando de armas a través da fronteira, e pedíaselles ás autoridades vixilancia para a raia nas provincias de Ourense e Pontevedra. O de “paivanes” vénlle do capitán e conspirador, señor Paiva Couceiroi. A súa dona residía no Pazo de Telleiroii , en Couso de Limia, e as frecuentes visitas que lle facía eran aproveitadas para levar a cabo as reunións dos máis importantes xefes monárquicos e conspiradores.

Despois da implantación da república, mediante a revolución en Lisboa e por telegrama no resto do país, os que non aceptaban o cambio de réxime comezaron a organizarse e constituír unha forza que, por calquera medio, incluíndo as revoltas, puidesen restaurar a monarquía. Nese sentido foron tomadas algunhas iniciativas que consistían na entrada en Portugal de forzas monárquicas, coñecidas como “incursións monárquicas”.

 Paiva Couceiro comanda a 1ª incursión o día 4 de outubro de 1911, aniversario do derrocamento do rei portugués. As súas tropas entran en Portugal por Cova de Lua, Espinhosela e Vinhais, onde foi izada, na Cámara Municipal, a bandeira azul e branca. Chegados reforzos republicanos, rapidamente entran en desbandada. Entre Vinhais e Salgueiros desertan 400 homes, exhaustos, esfameados e con sono. Recúan en desorde ao longo da fronteira luso-española até o Gerês, entrando e saíndo, en Portugal e co exército republicano na súa persecución. Abandonan definitivamente Portugal o 20 de outubro.

 O correspondente de La Región en Verín informa, o día 8 de outubro de 1911, sobre a batalla de Viñais entre os monárquicos portugueses e os republicanos que mandaban Paiva e Camacho: “Pasaron a fronteira o día 4 por Lubián, aniversario do derrocamento do rei portugués. As tropas monárquicas estaban compostas por 800 homes, tres compañías de infantaría, un escuadrón de cabalaría, unha batería de artillaría, unha compañía de administración militar, un grupo civil auxiliar, armado con granadas explosivas de man e baterías eléctricas para a destrución de pontes. Armas, cabalos e canóns estaban en territorio portugués dende había tempo, o exército entrou desarmado pola fronteira para non violar a neutralidade española. Marchan sobre Braganza e esperase se dirixan a Mirandela, Vila Real e Amarante en dirección Oporto. Na tomada de Chaves figura o príncipe Francisco José, fillo de Miguel de Braganza, como oficial de cabalería”. A cousa non saíu como di o cronista pois a incursión acabou en completo fracaso.

Malograda a primeira incursión, seguen a conspirar e corren rumores de que en abril de 1912 tiñan pensado pasar novamente a Portugal e tratar de derrocar a República. (continuará…).

[divider]

i Henrique Mitchell de Paiva Couceiro (1861-1944), militar, administrador colonial e político portugués que atinxiu importancia nas campañas de ocupación colonial en Angola e en Mozambique, inspirador e promotor das chamadas “incursións monárquicas” contra a 1ª República Portuguesa en 1911, 1912 e 1919. Presidiu o goberno da chamada Monarquía do Norte, entre o 19 de xaneiro e o 13 de febreiro de 1919. A súa dedicación á causa monárquica levouno en varias ocasións ao exilio.
ii O Pazo de Telleiro (Sandiás) era propiedade do político pontevedrés Eduardo Cea Naharro, barón de Casa Goda, (1843-1929). Membro do Partido Conservador, foi deputado provincial en 1877, 1880, 1896 e 1901. Durante a 1ª república portuguesa agochou a Paiva Couceiro. Por ese motivo foi perseguido polos republicanos portugueses, e foi vítima de sucesivos rexistros nas súas casas.