Experiencia 9 Ondas

9 Ondas
Experiencia 9 Ondas
ALBA PROL Este xoves día 31 de outubro chegou á súa culminación o que para min foi unha experiencia persoal moi...

ALBA PROL

Este xoves día 31 de outubro chegou á súa culminación o que para min foi unha experiencia persoal moi enriquecedora: a primeira rodaxe dunha longametraxe de ficción na que traballei, 9 Ondas.

O filme de Simone Saibene estreouse no Teatro Principal ás 20:00 co aforo da sala completo, culminando así o longo proceso que o director italiano emprendeu hai xa máis de dous anos. A produción da película, que se financiou mediante crowdfunding,  correu a cargo de El Cercano e está inspirada nalgunhas experiencias autobiográficas do director cando chegou por primeira vez a Galicia.  Explora o tema da identidade e da memoria a través da experiencia dun extranxeiro que se atopa percorrendo o sur da provincia de Ourense sen poder recordar porqué está aí nin para que, pois perdeu a memoria, e é confundido cun peregrino que está a facer o camiño de Santiago.

A rodaxe tivo lugar no Sur da provincia de Ourense e Pontevedra durante o mes de Agosto de 2012. As localizacións onde gravamos foron a zona do parque natural do Xurés, Lobios, a fronteira con Portugal, Santiago de Rubiás, Meaus (a zona do Couto Mixto), Xinzo de Limia, Ourense e a Lanzada (Pontevedra).

A película é un tanto experimental, ten un ritmo narrativo que non é o habitual dos filmes comerciais e hai elementos da trama que son ambiguos e quedan á libre interpretación do espectador, pero ademais de todo iso é unha gran promoción da provincia de Ourense (sobre todo o Sur) por mostrar a preciosa paisaxe e natureza da zona de Lobios e do Xurés, as inmensas chairas da Limia e as termas e a burga da capital da nosa provincia dun xeito moi agradecido.

Para min, como dixen, foi a primeira experiencia nunha rodaxe; traballei como axudante de cámara dentro do equipo de fotografía (Dirección de fotografía: Lucía C. Pan e Jairo Iglesias) e o mellor que me levo é non só a experiencia da gravación, por suposto, senón os compañeiros e compañeiras que tiven a sorte de coñecer neste proxecto. A pesar de ser longas xornadas de traballo (algún día foron ata 17 horas)  baixo o abrasador sol do agosto ourensán (incluso con algúns extras que caeron redondos ao chan nas chairas da Limia baixo o intenso Lourenzo) as experiencias que se poderían ter captado nun making off que non se fixo terían dado para unhas boas risas.

A miña cabeza está chea de recordos e boas anécdotas, dende unha grea de vacas que voltan do campo e atravesan todo o set de rodaxe polo medio e medio cando estabamos rodando nunha rúa estreita do medio dunha aldea (e nós apartando os equipos a todo correr para que non pisaran ou tiraran algo de valor), a liortas cos veciños dalgunha aldea onde case nos botan a paus porque non nos querían alí (por envexas e e enfrontamentos dos veciños coa dona da casa onde estabamos a gravar), ou parar a un home dun tractor que remata saíndo de extra improvisado na película, ter que erguer a parte da praia da Lanzada das súas toallas para gravar, ou lendas urbanas que xurdían nas aldeas onde iamos a gravar sobre “os da película”. Daban para un libro! De feito, o director está a escribir un que verá a luz moi pronto e nos desvelará máis anécdotas de seguro.

Ademais de todo isto, o máis importante que me levo foi todo o que aprendemos xuntos (a facer e tamén o que non se debe facer), pero de todo quédome cos compañeiros, xente coa que volvín traballar noutros proxectos e o espero volver a facer (Un deles, Simón Vázquez, axudante de dirección de 9 Olas, está preparando a súa propia película da que xa se rodou parte tamén en Ourense, Las Brujas de E´lente, na que boto unha man cando o traballo me deixa un óco). Así que, por todo isto, por moitas rodaxes, por moitos proxectos futuros, por moitos novos compañeiros coma os que coñecín aquí, gracias, 9 Olas.