Federico Cocho:"Limaia é Antón Riveiro"

Federico Cocho:"Limaia é Antón Riveiro"
Federico Cocho: Pois non es de Xinzo se non liches con paixón o libro de Antón Riveiro “Casas Baratas”, a súa verdadeira autobiografía novelada, e non o incluíches no teu persoal top ten literario. E, sexas de Xinzo, da Limia, ou de calquera recuncho de Galicia, non sabes ben o que te perdes se non desfrutaches a intensidade de “As rulas de Bakunin” ou non devoraches as 726 páxinas desa gran tetra-novela que se titula “Laura no deserto”, un exemplo impresionante da grande altura que alcanzou o voo narrativo de Antón Riveiro Coello. O noso Antón das Casas Baratas, que agora honramos xustamente como fillo predilecto de Xinzo e convertemos en placa, que ben o gañou e ben o merece. Antón é un dos nosos grandes narradores actuais. Non o digo eu que, á fin de contas, sería menos obxectivo porque son amigo e paisano. Recoñéceo a crítica máis esixente e aválano os moitos recoñecementos que acumula. Calquera amante da boa literatura pode acreditar por que na Limia nos sentimos tan orgullosos de que un dos nosos, un “escritor do mundo” como el di, siga o ronsel do tamén noso inesquecible Carlos Casares e a súa obra tamén estea traducida xa a varios idiomas. A min, a boa nova do seu nomeamento colleume en plena lectura demorada dos nove relatos que compoñen “Acordes náufragos”, a súa última entrega narrativa, chea de sensibilidade, de humanidade, de tenrura. En realidade, e como non podía ser doutro xeito, veño seguindo con atención a súa progresión literaria desde as súas orixes. Desde os tempos dos seus Chicho Antela e Suso Paradela. A memoria, a infancia, a liberdade, o amor, a identidade… Os grandes temas da vida feitos relato e novela cun envexable dominio da lingua e da técnica. Hai uns anos, cando Antón Riveiro se consagraba no escenario das Letras galegas, o meu xefe de “La Voz de Galicia” encargoume un texto breve para acompañar no xornal un comentario sobre a reedición de “A quinta de Saler”. Fíxeno e gustoulle. Mais pareceulle que quizais fora eu un chisco esaxerado por aquilo de sermos os dous, Antón e mais eu, de Xinzo, a nosa querida Pataca Village. Hai só un meses, a mesma persoa chamoume, logo de ler “Laura no deserto”, para recoñecer que eu estaba no certo cando titulara aquel comentario así: “Moita literatura”. Antón, da quinta de Indurain, sinxelo e humilde como os grandes de verdade, traballador comprometido coa cultura galega (grande activista cultural nas terras adoptivas do Barbanza). Antón, rockeiro impenitente, rescatado das fauces do Dereito para ben da avogacía e da Literatura. Antón, tocado do don bíblico da narración, que diría García Márquez. Antón que fixo da literatura un xeito de vivir, que diría o clásico francés. Antón argallante da marabillosa mentira da literatura grazas á súa imaxinación hiperbólica, que diría el mesmo. O seu único libro de poemas –que eu saiba– titúlase “Limaiaé”, compendio lírico e telúrico das súas “límicas saudades”. Limaia fai fillo predilecto a Antón Riveiro Coello. Hoxe, nas vésperas dun redondo aniversario, Limaia é Antón. E Limaia está feliz da súa pertenza á nosa tribo.?