Finais de agosto

fonte-fria
Finais de agosto

fonte-friaHai dúas semanas que rematei as vacacións. Porén, seguimos en Moaña, indo ó traballo dende aquí e desfrutando destes derradeiros días do verán cando remata a xeira. Este sábado pasado achegueime á miña vila de Xinzo para, na compaña da familia, xantar o polbo na feira e tamén unha carne ó caldeiro. Un deses pequenos praceres que ben querería repetir máis a miúdo, mais que o calendario non permite. Ás veces penso que as feiras deberían ser sempre en sábado por decreto.

O luns, xa no traballo, un compañeiro preguntoume se sabía o significado da palabra \“carriola\”. Díxenlle que si, mais que o que eu coñecía (\“columpio\”) ben podía ser que non coincidise con el. Acto seguido, fíxome escoitar a gravación dun son no seu teléfono. Pareceume o canto dunha chicharra ou carricanta, mais el apuntou que non, que era dun becho que el lembraba de pequeno e ó que lle dicían \“carriola\” pero que non era o da imaxe que me amosaba gravada no teléfono. Finalmente, o becho resultou ser un grilo ceboleiro, cun tamaño o dobre do grilo normal e unhas patas dianteiras preparadas para cavar, tal como unha toupeira.

O verán ten estas cousas: as horas pasan devagar, as conversas mudan dun tema a outro e o traballo lévase doutra maneira. O martes, o verán abandonounos aquí polo Morrazo. Pola noitiña, cando do solpor non quedaba nin rastro, sentei na terraza xunto co meu fillo para ver a grande lostregada que caía nos ceos da ría. O mar reflectía unha marabillosa paleta de cores. O rapaz desfrutaba contando os lóstregos que debuxaban liñas de luz no ceo escuro. Cando un sopro de aire pousou o fresco da noite na pel dos meus brazos, traendo canda si un intenso arrecendo a marusía, decateime de que con el viñan xa os primeiros bocexos de setembro anunciando o outono.

Rafael Laso Lorenzo