A gabardina do Che

26
A gabardina do Che

A pouco que percorramos as nosas aldeas e paremos a falar cos paisanos máis vellos, deseguida nos decatamos que algo que xa non existe nas cidades, aínda persiste, a duras penas, no rural. A tradición oral.

26Contos, historias, lendas, que distorsionadas polo paso do tempo e do boca a boca seguen vivas, aínda que ás veces a orixe das mésmas xa se perdeu no tempo.

Ben, isto ven a conto dun famoso dito que escoitei centos de veces cando era un neno, nos pequenos comercios de untramarinos ou tabernas de Lobosandaus, Portoquintela ou Santa Comba e mesmo unha que outra vez na vila, en Bande.

Cada vez que alguén realizaba unha transacción comercial nalgunha tenda e a cantidade a pagar sumaba 7´50 pts. a resposta do comprador ou do vendedor era sempre a mesma:

- 7,50... coma a gabardina do Che.

Cando fun medrando, a curiosidade fíxome rebulir na orixe desa frase comercial tan habitual na zona.

Foime doado atopa-la resposta. Tanto na parroquia do Baño coma na de Santa Comba, era de sobra coñecida a historia do peculiar dito, que tén o seu aquel...

Situémonos a fináis da década dos anos corenta do século pasado. As mozas mai-los mozos desta zona da Baixa Limia adoitaban ir ó paseo os domingos pola rúa principal que atravesaba Portoquintela de lado a lado. Cadanseu vestía as mellores galas e o divertimento consistía en pasear pola rúa, de vagar, falando, moceando, pero sen achegarse moito. Pouco máis estaba permitido. Todo iso, claro está, baixo a atenta mirada dos pais e nais que se sentaban na beirarúa, por se alguén transgredía as normas morais establecidas pola igrexa, o réxime e a sociedade en xeral.

Unha desas tardes, un mozo da zona chamado Che, home de dubidosa reputación e pouco creto, rondaba a unha das rapazas que andaba no paseo.

O Che, a pesares de non estar moi ben visto, sobre todo polas nais das mozas, aquela tarde foi moi mirado, pois mercara unha gabardina branca e víñaa estreando. Tendo en conta a mala situación económica das familias naquela época, o feito de aparecer cunha prenda nova desa categoría, era todo un acontecemento.

O galán, rondou a unha das mozas á que lle andaba facendo as beiras dende o domingo anterior e falando, paseniñamente, chegaron ó cabo da rúa. Deron a volta e cando viñan no medio da aldea, fronte ó campo da feira, comezou a caer unha chuvia miuda. O Che, cun comportamento amable e digno dun verdadeiro cabaleiro, sacou a gabardina nova e púxolla enriba dos hombreiros á orgullosa mociña para que non se mollase e de paso avanzar na conquista.

A nai da rapaza ó ve-la súa filla cuberta coa gabardina do Che diante de todo-los parroquianos, arrepiouse e entrou en cólera. Botou man dunha vara de salgueiro que tiña un vello que estaba sentado ó pé da taberna e dirixiuse coma un lóstrego onda os parruliños. Ó chegar ó pé deles, apartou ó Che dun empurrón e comezou a mallar na rapaza coma se estivese tola.

A mocidade do paseo, parouse. Os vellos erguéronse das súas cadeiras e a xente que estaba nos comercios saíu á rúa para presencia-lo espectáculo.

Baixo a atenta mirada de centos de ollos, o Che debía facer algo. Tiña que facer algo...e fíxoo.

Colleu á vella polo brazo, quitoulle a vara da man e con voz sonora, espetoulle:

- Señora, pare de mallar que a gabardina valeume 7,50...

Aínda hoxe, en euros, o conto do Che segue a estar nos comercios...