Sendo esta unha columna de audiovisual, esta semana non podía deixar de comentar os premios do audiovisual galego, os premios Mestre Mateo 2013. O pasado sábado 6 de Abril celebrouse a onceaba edición deste evento, no pazo da Ópera da cidade da Coruña.
Entre os moitísimos premiados e nominados, que viron recoñecido o seu esforzo e labor profesional (xa que o feito de estar nominado xa é, na miña opinión, un grande recoñecemento) destacan tres casos que para min teñen un significado especial: a premiada co galardón a mellor actriz, Sabela Arán; as premiadas a mellor serie web, Angélica y Roberta, e por último a película O Apóstolo , premiada ó mellor longametraxe, mellor dirección (Fernando Cortizo), mellor dirección de arte (María Hernanz), mellor dirección de producción (Marta García), mellor son (David Machado, Diego Staub y Miguel Barbosa), y música original (Xavier Font, Arturo Vaquero y Philip Glass).
A primeira delas é especialmente significativa non só porque foi a miña compañeira de carreira durante catro anos e compañeira de traballo na Caravana Vilamor,e nas series web "El quid" e "Clases de lo Social" e non so me alegro enormemente por ela a nivel persoal; senón que o seu premio ten dobre mérito ao ser o primeiro filme no que traballa, ser actriz protagonista revelación e competir con actrices profesionais que levan moitos anos na profesión.
O segundo dos casos foi Angélica e Roberta (Sonia Mendez e Sandra Lesta) e ten un mérito especial tamén por ser a primeira vez que compiten na categoría de serie web (en parte creada gracias a elas, como xa contei no anterior artigo desta mesma páxina Algo está a mudar na rede). Persoalmente o feito de ter traballado na realización dos dous derradeiros capítulos e ser fan da serie faime ter unha implicación especial con elas, mais ninguén pode negar o mérito destas dúas rapazas sendo pioneiras como elas mesmas dixeron probablemente en todo o continente inaugurando esta categoría.
Por último, o filme O Apóstolo, sobre o cal tamén escribín un artigo anteriormente neste portal, levou cinco premios. Coñecendo a situación actual do filme e o triste desenlace que tivo todo o longo proceso de realización deste filme tras anos e anos de traballo (para máis información ler o meu artigo Animando o cine galego) non podo máis que sentir unha ledicia inmensa por todo o equipo e darlle, ó igual que a tódolos premiados a miña máis sincera noraboa.