Galicia como célula nai dunha Europa diferente

Galicia como célula nai dunha Europa diferente

XOSÉ MANUEL PÉREZ BOUZA

O 25 de maio celébranse unhas novas Eleccións Europeas, nas que os cidadáns galegos non deberiamos deixar pasar a oportunidade para manifestar con claridade a  través da forza do noso voto, qué Europa queremos e qué papel lle reservamos a Galicia dentro desa Europa.

Aínda que son moitas as candidaturas que se presentan, e polo tanto as opcións partidistas entre as que podemos escoller,dúas son fundamentalmente as alternativas que se nos presentan: por un lado está a de apoiar a forzas políticas de ámbito estatal, como é o caso de PP e PSOE, que aínda que agora en campaña parece que lanzan mensaxes diferentes, no fondo o modelo de Europa que defenden é moi semellante, e boa proba delo é que no 75% das votacións que se producen no Parlamento europeo, socialistas e populares votan conxuntamente. Os populares, máis coherentes co que practican, non teñen ningún problema en seguir apostando pola Europa dos recortes, da austeridade, da inxustiza social e do deterioro dos servizos públicos e das condicións laborais dos traballadores; os socialistas renegan agora do que practicaron na última lexislatura do goberno Zapatero e ten apoiado no Parlamento europeo, lanzando a mensaxe pouco creible de que apostan por outra Europa máis social, en consonancia coa súa denominación de “Partido Socialista Obrero Español”, a pesar de  que, como cantaba Sabina, o de “obrero e socialista” xa hai moito tempo que o  perderon, e o único que lle queda é o de “partido  español”. O papel que estes dous partidos lle reservan a Galicia en Europa é simplemente o dun lugar no que recabar votos para as súas candidaturas de ámbito español, que logo  poñen ó servizo dos intereses doutros territorios.

Outra opción que teñen os galegos o 25 de maio é a de votarlle a forzas políticas do País, forzas políticas que se integran en diferentes coalicións,  forzadas polas peculiaridades da lei electoral e ante a imposibilidade de acordar a conformación dunha candidatura galega conxunta. Dentro desta opción hai a súa vez dúas posibilidades: votar por partidos como AGE ou BNG, que non se sabe moi ben se apostan ou non por Europa;  a día de hoxe parece que consideran que Europa é máis un problema que unha solución como espazo de convivencia para os galegos,  reservando en todo caso para Galicia e a súa cidadanía  un papel de combate e resistencia, sen quedar nada claro se queren xogar por tanto dentro ou fóra de Europa.  A outra opción para os cidadáns que decidan apoiar a algunha forza política galega o 25 de maio, é a de votarlle a Compromiso por Galicia, unha forza política nova que aposta claramente por Europa, iso si por unha Europa diferente, máis social, máis democrática, máis solidaria, con maior capacidade de decisión para os cidadáns e con máis poder para as nacións sen Estado, e que lle reserva a Galicia un papel central na construcción desa nova Europa, que sustitúa a vella, distante e insensible Europa, que a  moitos cidadáns non lles vale e coa que non se senten identificados.

Eu son galego, e como galego quero ser europeo, pero non me gusta esta Europa que prioriza os intereses económicos e financieiros, mesmamente os especulativos, sobre os intereses dos cidadáns, e por iso quero outra Europa e quero que na reformulación desa nova Europa, Galicia teña un papel protagonista, á mesma altura que calquera outro territorio europeo. É certo que Europa neste momento é parte do problema, que as decisión que alí se toman pola Comisión, polo Parlamento, polo Banco Central,… teñen parte de culpa da situación de profunda crise económica e social que está vivindo a cidadanía galega; pero tanta ou máis culpa desa situación téñenna os gobernos do PP no Estado e en Galicia, e ao  igual que hoxe é parte do problema, con outras políticas onde a prioridade sexan as persoas e non o gran capital, Europa a partir do 25 de maio  póde ser parte da solución; a outra parte non menos importante dependerá do que fagan no Estado español e do que fagamos nós en Galicia.

Pensando así, resulta obvio que non me vale a idea da Europa da auteridade e dos recortes que defende o PP nin a que propón o PSOE, por careceren de credibilidade e lexitimidade, non só para defendela senón mesmamente para plantexala,  igual que non me valen as opción daqueles que consideran que Europa ten a culpa de tódolos males, e que parece que mesmo lle gustaría unha Galicia fora da Unión Europa e fora do euro, e por iso eu apoiarei aquela forza política que defende unha idea de Europa semellante á miña e que ademáis reserva para Galicia un papel protagonista e central, que para chegar a convertirse na “célula de universalidade “ que soñaba Castelao, ten que empezar por ser a “célua nai” a partir da que se empece a desenrolar  esa nova Europa, que entre todos e todas temos o deber de construir, empezando por acudir a votar o 25 de maio. Cadaquén a quen consdiere máis oportuno.