Galicia debe estar presente no novo tempo político que se vai abrir no Estado

Galicia debe estar presente no novo tempo político que se vai abrir no Estado

XOSÉ MANUEL PÉREZ BOUZA

O resultado das últimas eleccións europeas, onde o “bipartidismo harmónico” quedou  seriamente tocado, pero non fundido, que ninguén se equivoque, a posterior abdicación do Xefe do Estado, a súa “expres” e antidemocrática  remuda, o proxecto soberanista lexitimamente defendido desde Cataluña,... son signos evidentes de que algo se vai mover politicamente no Estado español,  no futuro inmediato.

Neste contexto o conxunto da cidadanía galega en xeral e o nacionalismo organizado en particular ten a obriga de definir e defender o status  que queira para Galicia, ou do contrario ao igual que pasou na transición, no canto dun papel protagonista como por historia nos corresponde, no mellor dos casos, asignaranos un rol de actores secundarios.

A pouca conciencia de País que existe en Galicia non axuda a que cando se aborde unha necesaria e urxente reforma constitucional, para entre outras cousas abordar o modelo de Estado, non vai facilitar que poidamos ter ese papel protagonista, o cal é preocupante, pero non o é menos, o despiste no que está sumido unha parte do nacionalismo, que ou non se enteira da realidade social e política ou que é peor non se quere enteirar.

Ante esta situación unha parte do nacionalismo, con un líder carismático e con capacidade para crear esa conciencia de País, decidiu abdicar da súa responsabilidade e pasarse ao inimigo. É unha opción lexítima, pero pouco ou nada beneficiosa para Galicia e a defensa dos seus interese. Outra parte, tamén con toda a lexitimidade, está dedicando todo o seu esforzo, a reivindicar unha proposta de máximos, sen darse conta que non colleita ningún apoio mais alá do ámbito político e social máis próximos.

Desgraciadamente a parte do nacionalismo, que defende unha proposta ao meu modo de ver máis realista e que podería sumar máis apoios, non conta a día de hoxe coa capacidade suficiente para trasladarlla ao conxunto da cidadanía galega, para que esta a poida analizar e se o considera oportuno apoiar. Con todo, penso que ese é o camiño, camiño no que organizacións de todo tipo e cidadáns a título individual, deberíamos percorrer xuntos en demanda en  primeira instancia de máis democracia, e polo tanto da convocatoria dun referendo sobre que modelo de xefatura do Estado queremos, monarquía ou república e, en segundo lugar, por unha reforma constitucional que serva para modernizar as institucións políticas do Estado e que recoñeza o seu carácter plurinacional así como o dereito a decidir como se queren relacionar entre si as distintas nacións que o conforman entre elas a galega.