A "gralla pequena"

gralla pequena
A "gralla pequena"
Do VIII Congreso Galego de Ornitoloxía organizado pola SGO tivo a honra de ser escollida ave do ano2013 aGralla pequena...

Do VIII Congreso Galego de Ornitoloxía organizado pola SGO tivo a honra de ser escollida ave do ano2013 aGralla pequena (Corvus moneluda). Con esta elección preténdese destacar ante a sociedade que esta ave necesita axuda. Primeiro estudar  o estatus en Galicia e despois, tomar as medidas para intentar evitar a forte mingua que sofre.

A Gralla pequena non é unha ave moi abundante en Galicia. Durante a segunda metade do século pasado coñécese a sua presenza nalgunas localidades do interiror e maiormente en localidades costeiras onde era considerada unha praga para os cultivos.

Por Jorge Mouriño Lourido, sabemos que nunca se avaliou o estado desta especie en Galicia. Nas localidades onde se sabe da súa presenza está sufrindo un “brusco declive” ou incluso a desaparición das colonias.

 No Atlas de aves reproductoras  Manuel e Juan José Soler non teñen moi claro por que en Galicia a Gralla pequena é “bastante escasa” e case non existe na cornisa cantábrica. Dentro do capítulo de ameazas e consevación, coinciden en que nalgunhas zonas son perseguidas polos labregos por danaren as colleitas.

Á espera de que a Sociedade Galega de Ornitoloxía organice algunha actividade para coñecer onde está presente a especie, onde aniña e por que está desaparecendo; xa podemos ir adiantando que o maior problema desta ave é o home: pola profunda modificación do noso campo e póla práctica da caza.

A Gralla pequena é un córvido de entre 30 e40 cm. A distancia entre as puntas das ás é de 64-73 cm. A cor é negra en todo o corpo menos na caluga e nos laterais da cabeza, que son cincentos. Os ollos son branco-cincentos. A voz máis común é un “quiiᔠ aínda que emprega outras voces en derminadas situcións como cortexo ou rifas. É omnívora e case sempre come en grupo. Cría en buracos de penedos, árbores e en edificios.

Un deses escasos lugares do interior de Galicia onde temos a Gralla pequena é a Limia.

De cotio no outono e no inverno podémolas ver e escoitar cando anoitece no Parque do Toural de Xinzo. Achéganse en bandada ós cedros onde dormen na compaña dos estorniños. Antes de pousárense disfrutan compartindo acrobacias no ar cós estorniños. Podémolas diferenciar polo tamaño, pois son máis grandes que os estorniños e tamén polo reclamo que usan para se chamaren unhas ás outras.

A súa comida atópana  preto das granxas que están entre o campo de fútbol da Moreira e as areeiras de Sandiás. Comparten o menú cos estorniños e as pegas. Tamén se poden ver nas inmediacións do Centro Ecuestre da Lagoa. E moi preto de alí, nos postes da luz que están ó longo da estrada do canal da Lagoa de Antela crían algunhas parellas. Como os postes teñen uns buratos por riba uns dos outros semella que cada familia está ocupando un andar. Lémbranos  unha escena de película italiana en branco e negro, na que os veciños dun edificio de barrio obreiro falan dun balcón a outro formando un enorme barullo onde ninguén se entende.

 Esta ave é tan especial que Konrad Lorenz, Nobel de Medicina (1973) e considerado uns dos fundadores da etoloxía, (estudo do comportamento animal)  criou catorce destas aves para estudalas polo miúdo. Construíu no faio da súa casa unha gaiola onde viviron en semi-liberdade e onde finalmente constituíron unha colonia. As conclusións da súa experiencia está no libro El anillo del rey Salomón no capítulo titulado “Sempiternos Camaradas”.

 Só algún detalle destas aves; na procreación K. Lorenz descubriu que son monógamas, emparéllanse o primeiro ano e no segundo xa crían e son fieis o resto da vida. Son lonxevas para ser aves, viven máis ou menos coma os humanos. O cortexo é peculiar, como non destacan nin polo canto nin pola cor, o macho fachendea  amosándolle á femia un burato nunha árbore ou nunha edificación humana onde criar os seus pequenos. Ás veces acontece que o burato é tan pequeno que non collen, mais dalles igual. Entón entra en escena a  linguaxe das miradas: il mira cara ela fixamente, ela faise a recatada, mais se acepta  achégase ó macho, que campa como nun día de domingo.  Finalmente a máxima mostra de amor consiste en que a femia lle limpa a plumaxe da cabeza ó macho.

Viven en colonias xerarquizadas (só os machos) e todas aceptan e coñecen a súa posición social. Só cambia de estamento a femia de clase “inferior” que emparella cun macho de clase “superior”. A femia ó ser aceptada polo macho de clase “superior” xa actúa como se toda a vida fose desa clase e trata con desprezo ás grallas que son da clase “inferior”.

Cando un estraño invade un niño alleo, os propietarios protestan cunhas voces especiais. O resto da colonia ó escoitar estas voces acode a expulsar ó usurpador e darlle un bo escarmento. Móntase tal barullo e todo é tan confuso que o propio invasor contaxiado pola excitación xeral, esquece que é il o provocador e acaba tamén buscando ó perturbador.

Recoméndovos o libro de K. Lorenz para seguir coñecendo outras facetas do comportamento destas interesantes aves.

Nós na Limia temos a sorte de poder disfrutar da súa presenza e seguramente este ano polos traballos da SGO saberemos onde crían e como evoluciona esta especie na Limia, e en Galicia en xeral.

Para  rematar, as palabras de todo un Premio Nobel, Konrad Lorenz:

“Non creo que teña aprendido de ningún outro animal tantas cousas e tan esenciais como as que me ensinou “Choc” no verán de1926”(“Choc foi a primeira Gralla pequena que criou na súa vivenda).