A guerra de Vladimiro.

Putin
A guerra de Vladimiro.

Corren malos tempos para a lírica, cantaban os Golpes Bajos hai xa trinta e dous anos. Moito tempo para que teñan acontecido moitas cousas. Pois máis deses anos é o tempo que aspira a gobernar Vladimir Putin. Superaría a Stalin, que se mantivo no poder durante vinte e seis anos. Para iso, Vladimir, antigo xefe do KGB, modificou a lei ao seu antollo, entrampando mil e unha maneiras para seguir sentado na súa poltrona.

Putin
Putin

Agora non lle treme o pulso en invadir un país como Ucraína, con non sei que estrañas xustificacións de “desnazificar y desmilitarizar ” segundo se pode ler na maioría dos xornais. Debe ser porque o seu homólogo ucraíno, o presidente Volodymyr Zelensky non é sospeitoso de envelenar a ninguén nin menos de meter na cadea á oposición e outras falcatruadas semellantes. Porén, con todo o mundo en contra, Putin segue, indiferente, ao seu, e aínda se permite ameazar a Suecia e Finlandia no caso de que estes dous países ingresen na OTAN.

Leo na prensa aspectos da vida do presidente ruso e da súa personalidade, que, cando menos, semellan preocupantes. Eu non sei se estamos ante un toliño destes que de cando en vez aparecen no mundo ou dun home superado polas súas ansias de poder. Cando argallou aquela solución de alternarse con Dmitir Medvédev, nos cargos de presidente e primeiro ministro, para saltarse a constitución rusa que só permitía dous mandatos de catro anos, algúns dos seus colaboradores dimitiron. Alexéi Kudrin, ministro de finanzas dimitiu en 2011, declarando estar en desacordo porque “en tres anos daremos ás forzas armadas a suma equivalente a todo o que gastamos en educación". Por tanto, visto iso, talvez a invasión de Ucraína xa a viña cavilando dende moito tempo atrás. Enfiando as cousas, se aumentas a dotación orzamentaria para gastos militares, será porque algo tes en mente.

Non deixo de ler nos xornais, que está obsesionado coa idea de reconstruír a grandeza da extinta Unión Soviética. A min unha persoa que utiliza todos os medios posibles ao seu alcance para permanecer no poder (paga a pena lembrar que, segundo se ten publicado na prensa ao longo de anos, persegue e mete á oposición na cadea e aplica outros métodos máis denigrantes aínda) pois non me inspira nada de confianza.

Comentábame hai uns días un compañeiro, que menos mal que o tarambainas de Donald Trump xa non está na presidencia dos Estados Unidos, que se non, Deus sabe o que acontecería nese caso.

A min, isto da guerra paréceme un tremendo erro e un grandísimo disparate. Está en xogo a vida de moitas persoas e xente inocente. Namentres manda o exército a invadir un país libre, Putin debe estar no seu palacio presidencial tan tranquilo. Non sei se o entroido se celebrara en Rusia. Espero que non, porque non me gustaría imaxinar a Vladimir vestido cun disfrace de Drácula.