Un heroe que non sae nos cómics

308
Un heroe que non sae nos cómics

Lembro hai anos, na escola, un traballo de redacción que a profesora de literatura nos mandara escribir sobre calquera cousa que se nos ocorrese. Non recordo para nada cal foi 308o tema sobre o que escribín eu. Porén, si o dun compañeiro, que escribira sobre unha pistola. Mais si recordo como se fose hoxe, que o obxecto daquel traballo non tiña por finalidade escribir a redacción. Nada diso. Cando todos fomos lendo os nosos respectivos traballos, ao final, a profesora o único que quería saber, era como nos sentiramos ao escribilo, como o pensamos e como nos enfrontamos ao folio en branco. Confeso que naquelas alturas da miña vida, o ser escritor era para min un soño. E acordo das palabras do meu compañeiro e amigo Manuel, dicindo que, malia gustarlle moito a escrita, el nunca sería escritor porque o feito de coller un folio ou un caderno en branco, producíalle un arrepío no corpo polo feito de non saber que escribir nel.

Hoxe, despois dalgunhas novelas escritas con maior ou menor fortuna, sigo sen estar de acordo con esa idea do meu amigo. Por exemplo, estes días hai temas e nomes dabondo para escribir. Gurtel, sentenza, presupostos, política, corrupción, censura, Real Madrid, Champions, Cristiano, Mundial e non sigo porque a listaxe podería ser interminable e ademais anda por todos os recunchos do noso país. Podería falar tamén do tempo, que alá vai daquela maneira, un pouco ao chou. Mesmo tamén dalgún libro que veño de rematar de ler e que me pareceu excelente. Mais como, ás veces, a escrita vai coma o tempo destes días, ou sexa, como lle dá a gana, hoxe acordei dun álbum que tiña de pequeno cunha colección de cromos plastificados, de superheroes da Marvel. Por alí andaban Spiderman, Dr. Octopus, Loki, a Masa, os Catro fantásticos e moitos máis.

De haber hoxe un álbum así, deberían facelo para un único cromo, especial para un rapaz de carne e óso, inmigrante indocumentado en Francia, natural de Mali e de nome Mamoudou Gassama. Unha historia gravada en vídeo que pon os pelos de punta. Ese rapaz, unicamente coa forza dos seus brazos e pernas, escala pola fachada dun edificio de catro plantas para salvarlle a vida a un neno de catro anos pendurado no baleiro. Disque, namentres, o pai do neno, de volta da compra, xogaba con heroes de mentira como o Pokemon Go.

Menos mal que os heroes de verdade, como Mamoudou Gassama, son xente normal e non saen nos cómics.

Rafael Laso Lorenzo