A hipocrisía do Día das Letras

letras galegas
A hipocrisía do Día das Letras

letras galegasApenas fica unha semana para a celebración do día grande das nosas letras, e grande parte da sociedade se está achegando, por vez primeira, a unha figura clave da nosa literatura, como é Carlos Casares. Non é intención de quen escribe, nin moito menos, separar o foco da celebración da figura e da obra dun dos limiáns máis ilustres. Mais a celebración do Día das Letras Galegas debe ser tamén unha data reivindicativa. Debe ser unha data na que xuntas, as galegas e galegos, reivindiquemos o noso dereito a vivirmos na nosa lingua, esa que o noso Estatuto de Autonomía recoñece como \“propia\”.

Existe unha negativa sistemática a ofrecer atención en galego por parte de institucións públicas e privadas.

Son moitas e moitos os galegofalantes que continúan a considerar normal a exclusión do seu idioma de moitos ámbitos. E iso é algo que debemos mudar, porque cando a poboación non é consciente dos seus dereitos, existe un déficit democrático que cómpre corrixir. A idea de que hai dereitos lingüísticos en Galicia, tanto individuais como colectivos, non está asentada, canto máis nos territorios onde nin sequera teñen recoñecemento legal estes dereitos.

No presente ano, A Mesa pola Normalización Lingüística emitiu un informe chamado \“A liña do galego" arredor das diferentes queixas que esta organización recibiu ao longo do 2016 sobre a conculcación dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes. O informe constata unha negativa sistemática a ofrecer atención en galego por parte de institucións públicas e privadas que vulnera gravemente o dereito ao uso da lingua propia. Segundo os datos aportados, as galegofalantes vense obrigadas a renunciar a empregala cando se dirixen á administración ou a empresas que prestan un servizo, nalgúns casos con coaccións evidentes por parte destas, que non satisfeitas con non ofertar a posibilidade de utilización da nosa lingua, permítense utilizar frases como: «para evitar más dilaciones, mejor en castellano»; ou «o me habla en español o no le abro la barrera y se queda el coche dentro», por non citar outros maltratos por reclamar atención en galego como "obrigar a que a propia usuaria ou usuario reelaborar un contrato só dispoñíbel en castelán, ou considerar a reclamación de procedementos en galego como obstrución administrativa\”.

De non defender o idioma perderemos grande parte da nosa identidade colectiva.

Resalta neste caso a Administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos e que non só abdica da súa responsabilidade senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego. Isto é só unha evidencia da profunda hipocrisía de quen, malia ter o deber de protexer os dereitos dos galegofalantes na súa comunidade, non só non o fai, senon que logo son os primeiros espadas que aparecen nas celebracións e conmemoracións aos nosos autores.

E non, non valen as escusas. Non estamos a falar nin tan sequera das empresas privadas. Estamos a falar da administración pública galega. Estamos a falar do noso sistema educativo, dos medios de comunicación públicos que nin tan sequera esixen o emprego do galego para a publicidade que neles se emite.

Seremos quen de reclamar, como sociedade civil, o recoñecemento e protección dos nosos dereitos?

Non sei se, como dicía Castelao, somos aínda galegos só por obra e graza do idioma. Mais fica claro que de non defendelo e protexelo, perderemos grande parte da nosa identidade colectiva.

Sexa pois un moi feliz Día das Letras Galegas para todas e todos. Mais non deixemos que a defensa e reivindicación do idioma fique só no día 17.

Iván Olmos Ferreiro