Unha historia prometida.

invertia_440968781_145428310_1024x576
Unha historia prometida.

Vou confesar que, ás veces, resúltame abondo difícil escoller o título para estes artigos que escribo, tendo sempre a sorte de que, finalmente, aparece un moi aquelado. Non é o caso deste de hoxe, pois, entre as cousas que vou contar, tiña unha débeda cos lectores dende o publicado o pasado vinte e oito de xullo, co que principiaban as vacacións e o tempo de papar a mosca.

Recuperada xa a xeira da vida habitual, pasados os calores de agosto e entrando anticipadamente no veranciño de San Miguel, que en poucos días estará connosco, volvo tamén retomar a escrita afastada este verán por outras actividades. O tempo avanza máis a présa do que quereríamos, pero hai que afacerse. Este domingo pasado, meu fillo levoume a percorrer un sendeiro a carón do río, coa escusa de que ó remate do mesmo había unhas silveiras cheas de moras. Eu nunca lle fago ascos a unha boa camiñada, que se por riba remata nunha cunca de moras ben maduras e con azucre por riba, pois xa non hai nada que opoñer. Entre parolas e observacións, muíños a carón do río e explicacións do rapaz (que xa fixera a ruta coa nai semanas atrás) chegamos a un treito do camiño ateigado de ourizos dos castiñeiros. Debo dicir que apañamos unhas cantas castañas, proba inequívoca do paso do tempo e da chegada do outono. Así pois, en breve, xa teremos aquí os magostos.

Porén, agora volvamos a vista cara atrás, ó ano 1916. Europa está mergullada de cheo na Primeira Guerra Mundial, Sigmund Freud publica a súa Introdución a psicoanálise e Albert Einstein mudaría a física coa súa Teoría xeral da relatividade. Nese ano, no que nacía o futuro premio Nobel de Literatura Camilo José Cela, cometíase un roubo, moi importante para a época, nun local da miña vila. O xornal El correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias, informaba do suceso no número do quince de febreiro. Transcribo textualmente:

“Anteanoche apareció robado el comercio que, en Ginzo de Limia, posee D. Alonso Nieto en la Plaza Mayor.

Los ladrones forzaron las puertas, llevándose la caja de caudales con documentos, 9000 pesetas en billetes de banco y 1250 pesetas en monedas de oro.

Los autores del robo, se supone que son tres individuos desconocidos que marcharon en dirección a la frontera portuguesa.

La caja apareció destrozada a un kilómetro de Ginzo, en la carretera, dejando los ladrones varios documentos, 260 pesetas en billetes, tres monedas, un martillo, una palanqueta y una bufanda.”

Á vista da noticia e malia tratarse dun roubo importante, creo que os ladróns non debían ser de todo malas persoas: aínda lle deixaron ó seu lexítimo dono parte do roubado, talvez para que non quedase sen nada.

Rafael Laso Lorenzo