O humor de Antonio Pereira

O humor de Antonio Pereira

XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

Dicir de alguén que naceu no Bierzo, por razóns de distinta índole, xa é consideralo medio galego, pero no caso de Antonio Pereira (Villafranca del Bierzo, 1923-2009), ademais podemos catalogalo así pola súa escrita, pese a que escribiu sempre en castelán. Comezou o seu labor literario pola poesía e tamén escribiu novela, pero eu coido que perdurará pola súa narrativa breve, chea de argumentos deliciosos, adobados sempre cunha prosa moi fácil —case oral— e, sobre todo, chea de humor. Un humor retranqueiro, irónico, moi galego. Antonio Pereira fixo maxisterio, pero non quixo exercer nunca de mestre, xa que preferiu gañar a vida na ferraxería, de venda ó por maior, herdada do seu pai, na propia Villafranca.

Se non estou moi confundido, o único libro contemporáneo vertido do castelán ó galego ten sido deica agora o seu Cuentos de la Cábila, feito que confirma a proximidade da súa narrativa ó sentir galego. Neste libro, pese a que está formado por relatos breves que poden ter lectura independente, a súa temática é común: os anos da República e comezos do franquismo que o autor viviu e que amosan o espertar dun neno á vida. Ese neno é evidentemente o propio autor, porque os relatos son marcadamente autobiográficos.

De entre os moitos contos que se poderían destacar, eu sinalaría dous. O primeiro trata dun cura moi vello que vive nunha aldea retirada, na serra, con gran fama de santidade e que é cliente na ferraxería do pai de Antonio. Coñecida a súa morte, pai e fillo van ó seu enterro, pero coa obriga de traer algunha reliquia do santo, aínda que só sexa un trociño da sotana, como lles recomenda a nai do protagonista. Ante o gran barullo de fieis na cerimonia, eles quedan os últimos no «reparto», pero finalmente ven con satisfacción que a ama do cura entrégalles un paquete grande que este deixou mandado que así se fixera. Todo parecía indicar que se trataba dunha boa reliquia, pero ó abrir a caixa atopan, para pasmo de todos, un revólver de gran calibre. O neno lamenta que o pai enmudecera e que non explique nada, pero acaba por darse conta de que a todo o mundo lle é lícita a súa defensa.

No segundo conto Antonio, xa mociño, pide prestada una bicicleta para visitar, en Cacabelos, a unha noiva. Esta rexéitao porque lle gustaría que a paseara sentada na barra da bicicleta, pero Antonio non pode porque é de muller, que lla prestara o coadxutor da parroquia. O mozo, de volta para a súa vila, todo cabreado, acaba tirando o vehículo por un barranco. Para non recibir, ó día seguinte, a rifa de parte do cura, idea contarllo todo baixo secreto de confesión.

 Quedou dito que a prosa de Pereira é manifestamente oral. Isto concorda coa práctica que, só ou acompañado doutros coñecidos autores leoneses —Mateo Díez e José María Merino—, facía do filandón, que no é outra cousa que o noso fiadeiro, onde se contaban contos en público. Ben seguro que, entre conto e conto, habían de soltar todo tipo bromas e non só literarias. Remato cunha destas. Poeta como era, Antonio Pereira recorreu á coñecida estrofa de Rubén Darío:

 Juventud, divino tesoro, ¡ya te vas para no volver! Cuando quiero llorar no lloro… Y a veces lloro sin querer… para declamala deste xeito:  Juventud, divino tesoro, ¡ya te vas para no volver! Cuando quiero mear no meo… Y a veces meo sin querer