Inactividade.

espolón xinzo
Inactividade.

Hai tempo que non me asomo a esta fiestra do xornal pola que se ven e len estes artigos que escribo. Como di o refrán, xuntouse a fame coas ganas de xantar. Adoito tomar o tempo de lecer das vacacións para descansar a escrita destes artigos para, á volta das mesmas contar algún sucedido curioso que me tivese acontecido. espolón xinzoTamén para dedicarlle máis tempo á escrita da novela coa que ande nese momento. Este ano a cousa non foi así. Logo da volta dunha reducida viaxe de vacacións, realizada con moitas precaucións por mor desta situación pandémica que, por sorte para todos, ten pinta de ir rematando, houbo que reincorporarse ó traballo. Porén, por pouco tempo, pois houben de someterme a unha intervención cirúrxica que me mantivo de baixa médica ata comezos deste mes. Nese tempo de recuperación houben de deixar aparcada a escrita, pola imposibilidade física de sentarme a escribir, e calquera tipo de actividade física.
Estas cousas da saúde son moi importantes. Nunca pensei que cousas cotiáns como atarse os cordóns dos zapatos puidesen converterse nunha tarefa imposible de realizar por un mesmo. Dado que entre as miñas afeccións non se atopa a televisión (a non ser unha boa película ou algún episodio de serie policial ou de misterio que me chame a atención) dediquei a meirande parte do meu tempo á lectura. Rendeume, pois o número de libros pendentes de ler, ameazaba xa con converterse nun monte demasiado elevado. En canto puiden, pequenos paseos cada vez un pouco máis longos. E tamén escoitar música sen facer nada máis, cousa esta marabillosa, sen estar pendente para nada do tempo.

Como todo iso xa pasou, agora toca ir recuperando pouco a pouco a actividade normal, entre elas, a escrita destes artigos e dunha novela da que pouco levo escrito pero que xa está toda na miña cabeza.

Por certo, un deses días acordei de algo que vin nas vacacións e que moito me chamou a atención. Ata agora eu coñecía dúas cousas coa palabra Espolón e ambas as dúas relacionadas entre si. A primeira, o famoso Espolón da nosa vila. A segunda, o nome dun grupo musical de Xinzo, Vamos a comer pipas al Espolón, que lembro da época da miña mocidade malia non acordar dos nomes dos seus compoñentes (se len isto, prego me desculpen a mala memoria). E a terceira coñecina neses días da viaxe que fixemos para ir ver o xacemento de Atapuerca. Paramos a dar unha volta pola cidade de Burgos (envolta en preparativos para a saída da Volta Ciclista a España o día seguinte) e a miña ollada detívose nunha libraría co nome Librería del espolón. Nunha das súas fiestras un cartel escrito a man puña “Cumplo 114 años y tan guapa”. Pareceume dunha orixinalidade abraiante. O mellor de todo é que non lle faltaba razón: a libraría, coa súa fachada de madeira, as súas fiestras e escaparates cheos de libros todos colocadiños, era unha fermosura.

Rafael Laso