INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DA LIMIA

238
INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DA LIMIA

Convócannos a terra e a beleza. A terra campesiña e maternal que nos acolle e que nos mantén. A beleza das palabras e das expresións artísticas que nos conforman, cargadas de recendos e sons doutros e destes tempos feitos memoria creadora.

A Limia é terra fecunda que dá boas colleitas, tamén de persoas creativas.

A biblioteca é morada da fantasía, do saber e do lecer, lugar encantado de encontro do futuro co pasado. É a casa das marabillas, a casa das palabras, de todas as palabras da Limia e do Limia, das máis diversas manifestacións artísticas, plásticas e audiovisuais. Espazo gozoso que garda todos aqueles tesouros soterrados feitos relato de coñecemento pola rica tradición oral. Fascinante sinfonía de sons, palabras, imaxes, cores e emocións. Ronsel tecido de voces e luces que ten de permanecer para sempre na memoria dos sentidos.

239O xenial escritor Jorge Luis Borges, director da Biblioteca Nacional de Buenos Aires durante case vinte anos manifestaba: “Os rumores da praza fican atrás e entro na Biblioteca. Dunha maneira case física sinto a gravitación dos libros, o ámbito sereno dunha orde, o tempo disecado e conservado maxicamente.” E noutra ocasión sinalaba: “Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca.” É como se a biblioteca tivese o poder da inmortalidade, como se aínda conservase aquela sacralidade primixenia que se lles confería ás obras dos primeiros escribas.

A mítica Biblioteca de Alexandría, no antigo Exipto, que chega a atesourar perto de 900.000 volumes antes da súa destrución, nacía vinculada a un museo (museion) - lugar onde moran as musas, divindades inspiradoras das artes -, con dez estanzas dedicadas á investigación, cada unha delas centrada nunha disciplina diferente, con grande número de filósofos e poetas que se ocupaban do seu mantemento, depositaria das copias de todos os libros que recollían o saber da humanidade daquel tempo.

O Museo da Limia, con querenza de casa grande, aberta e viva, que acolle esta biblioteca, quere ser tamén a casa das persoas e de todas as súas creacións con vontade estética para lles tributar o recoñecemento merecido e para polas ao dispor da veciñanza e dos visitantes. Ten débeda eterna de estima e gratitude para cantos, con dedicación e xenerosidade, veñen contribuíndo a facer realidade esta fermosa ilusión colectiva, inspiración para novas iniciativas.

O romano Caio Asinio Polio inauguraba no ano 39 a. C. a que está considerada como a primeira biblioteca pública da cidade eterna, quizais o primeiro centro cultural do mundo. Non será até o século XX cando a biblioteca, auténtico centro de dinamización cultural, chegue a ser considerado como un servizo público básico.

O bibliotecario estadounidense Peter Golkin confesaba: “As miñas dúas cousas favoritas na vida son as bicicletas e as bibliotecas. Ambas moven a xente cara á diante sen custar nada. Un día perfecto: cando vou en bicicleta á biblioteca”. Na Limia temos unha presenza magnífica de bicicletas.

Na historia da Galicia contemporánea, a data do 17 de maio de 1863 cárgase de forza simbólica por ver a edición dun libro emblemático, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, que marca o comezo da recuperación da lingua e da dignificación da cultura.

Este 4 de maio de 2018 ten de perdurar na memoria do territorio como novo impulso ao compromiso firme de conseguir un tempo máis xusto e máis culto para a cidadanía.

Entre os ecos do monótono repenicar das animadas ras, acouga a morriña dos enormes e serenos bois negros co seu paciente andar. Na noite pecha, hai estremecementos da vella lagoa soterrada. Cantos de galo á desora e ouleos de lobo chegan na brisa lene que alenta camiñantes e carreiros, moradas e leiras. Hai unha grande lagoa de beleza nas terras de Limia.

DELFÍN CASEIRO. Presidente do Padroado do Museo da Limia.