Jeff Healey, os cegos tamén a saben tocar

JEFF HEALEY
Jeff Healey, os cegos tamén a saben tocar
XULIO CÉSAR DOCAMPO Xa estou de volta. Despois do desabafo punk, as cousas volven ao seu sitio. E hoxe quérovos falar...

XULIO CÉSAR DOCAMPO

Xa estou de volta. Despois do desabafo punk, as cousas volven ao seu sitio. E hoxe quérovos falar dun guitarrista espléndido, que sobreviviu a esta inxustiza da vida cunha técnica alucinante para dar saída á súa paixón pola guitarra eléctrica e, sobre todo, polo blues: o canadense Jeff Healey. Ao bo de Jeff (que nos deixou vítima dun cancro no 2008, con apenas 48 anos), foi un retinoblastoma o que, con só 8 meses, obrigou a que lle extirpasen os dous ollos a un meniño que había deixar unha fonda pegada no blues eléctrico. Xa con 3 anos comeza a tocar a guitarra, dun xeito sorprendente, máis propia da pedal steel guitar (ese cacharro que adoza maxistralmente os discos de country-americana, e que hoxe ten no seu pu... amo a Robert Randolph, e se non mirade esta versión do “Vodoo Chile” de Hendrix), co mastro deitado nas súas pernas, inda que temos outros guitarristas invidentes, como Bryan Lee que tocan ao xeito ortodoxo e que, de non saber o seu mal, pasaría por un tipo de Louisiana con gafas de sol.... Hai tamén que dicir que cando o bo de Jeff se “quenta”...non para sentado e toca ata cos dentes!!! Mirade.

O seu primeiro grupo, os Blue Direction, cos colegas do instituto, chegou a ser teloneiro de figuras como Albert Collins, B. B. King ou Stevie Ray Vaughan, e comezou a ser coñecido na escena blueseira de Toronto polas súas jams nos pubs máis activos da cidade en canto á música ao vivo, como Grossman (“Toronto´s home of the Blues), ou o Colonial. Pero ía ser coa  Jeff Healey Band, con Joe Rickman ao baixo e Tom Stephen á batería, e con apenas 19 aniños, con quen esta austera formación sorprendería a todos co 1º álbum, SEE THE LIGHT (1988), que foi nomeado pra disco do ano nos premios Juno dese ano en Canadá (a competencia era forte, e finalmente gañou o debut en solitario doutro canadense ilustre, nin máis nin menos que o guitarrista de The Band, Robbie Robertson, o responsable da “electrificación” de Bob Dylan nos 60). Pero con premio ou sen el, o See the Light é un dos álbums de debut máis potentes que se recordan, e que o líder da banda fose un guitarrista cego que tocaba co mástil entre as pernas, inda máis. O primeiro tema, a versión do “Confidence man” de John Hiatt é toda unha declaración de intencións: dise no vídeo que vai dedicado a todos os que non poden ver as imaxes...pero que si poden sentir o seu espírito...e vai se se sente a forza deste trío!. Como espectacular final, a canción homónima “See the light” amosoulle a todo mundo a forza salvaxe deste home, pero sobre todo foi o impresionante solo de guitarra da versión do “Blue jeans blues” dos barbudos ZZ TOP o que nos deixou abraiados (e se non, mirada as cariñas do público...) erguéndose, e punteando coma quen toca o piano, ...un espectáculo!

A pesar da calidade do disco, o éxito foi discretiño nos mercados anglosaxón e americano, e foi curiosamente o guaperas de Ghost, si, o mesmiño Patrick Swayze o que ao ano seguinte, 1989, poría ao noso querido Jeff en todos os cines do mundo, enxaulado coa súa banda na Road House que daba título á película, aquí coma sempre traducida polos máis parvos da clase como “De profesión duro” (menos mal que non lle puxeron tamén “guapo”).

A banda de Jeff abríase por fin ao mundo con este temazo dos Doors, “Roadhouse blues” e coa versión do “Hoochie Coochie Man” de Willie Dixon mentres o guapo de Patrick reparte estopa a diestro e siniestro e miradas do tigre entre rubias de bote.

Axudado polo pulo do cine, o 2º disco, o HELL TO PAY de 1990 vai direitiño ao número 5 da listas, e volve tamén ser nominado pra os Juno (desta vez, foi outro discazo de debut o que lle sacou o premio, o homónimo de Alannha Myles, do que todos recordamos aquel “Black Velvet”, pero que tiña trallazos rockeiros como este “Still got this thing”). Jeff era xa coñecido, e admirado, e vai ter 2 colaboracións de luxo: Mark Knopfler e George Harrison, que ademais lle prestan o que son as dúas xoias do disco, as versións do “While my guitar gently weeps” de Harrison, e o “I Think I love you too much” do líder dos Dire Straits. Por outra banda, e malia a produción máis coidada deste álbum e menos blueseira, a forza eléctrica do trío seguía intacta, como se aprecia nesta versión ao vivo de “Full circle”. Im-pre-sio-nante. E fin da primeira etapa...porque o blues só volverá ser protagonista antes de morrer, co póstumo “Mess of blues” do 2008. E é que tras o “Hell to Pay”, Jeff opta por adozar ou seu son, e achegarse, ás veces perigosamente, á produción almibarada dos discos AOR, aos sintetizadores, aos coros...

O FEEL THIS de 1992 é o comezo desta viraxe digamos “máis comercial” e menos blueseira. Temas como “Leave the light on” son un bo exemplo disto, mesmo a “Cruel little number” co típico vídeo de pibonazo-de muller fatal, como di Jeff...”daddy´s bad seed” (a mala semente de papá). É certo que hai una certa “campaña de imaxe” e de son, mesmo coa típica baladiña hard, como é  “Lost in your eyes”. O mellor, postos a experimentar, a xogo hard & rap de “If you can´t feel anything else”, co propio Jeff rapeando e punteando.

O experimento non saíu ben, porque o trío nunca caeu tan baixo na listas de vendas, así que Jeff decide volver de novo a un son máis cru, desta volta cun álbum de versións, COVER TO COVER (1995), apostando a cabalo gañador cun feixe de temas supercoñecidos e de riffs na mente de todos: Hendrix, Clatpon, a Credence, Led Zeppelin...clásicos a cada cal mellor, e de feito acada o 1º posto do Bilboard Blues Albums. Persoalmente, quédome con estas dúas achegas, o “Angel” do seu admirado Hendrix, e tamén coa de “As the years go passing by”, neste directo do mesmo ano do álbum no que vemos de novo a maxia deses dedos...

Van pasar 5 anos ata un novo álbum, o último da Jeff Healey Band, segundo a crítica, o peor, ao que atacan como brando...melódico...á procura das emisoras de radio...etc., etc., pero meus amigos, o GET ME SOME (2000) é sen dúbida o mellor álbum de Jeff e a súa banda (mágoa que fose tamén o último), por moitas razóns, e por moitas cancións, como veredes. E a pesar do que digan os críticos, facédeme caso, que vos falo dende o corazón, o Get Me Some é un discazo, cheo de paixón, de sensibilidade, procurando a perfección en cada acorde, en cada melodía, en cada riff, en cada solo de guitarra, e cun Jeff tratando de fuxir do corsé estricto de blues para dar cabida e expresión á súa faceta como letrista (participa en 9 dos 13 temas) nun abano máis amplo de cores musicais, con guitarras acústicas, rítmicas que dobran os punteos, coros, melodías moi traballadas, e mesmo algún arranxo semiorquestral. É a súa obra mestra, onde cabe, como non, a forza rockeira da súa guitarra como en “Which one“, medios tempos como a autobiográfica “My lifes story”e tamén ecos country con aroma de vellas Rickenbaker coma en “I should have told you”, ou preciosas baladas, como “I tried”, ou a sentida “Rachel´s song” dedicada á súa filla. Pero Get me some é unha marabilla sobre todo porque ten a mellor canción que Jeff escribiu en toda a súa vida, un deses temas que teña ese algo indescritible e inaprensible que che chega ao fondo da alma, que fai que se che poña un nó na gorxa, que che fai vibrar o corazón, en resumo... que te EMOCIONA, como pasa moi poucas veces, e só grazas a xenios...coma Jeff. Meus amigos, despídome de vós con esta xoia que é “The damage is done”, e co vídeo-homenaxe que a acompaña. E lembrade, non vos perdades por nada do mundo estas xoias, porque son unha delicatessen para padais musicais exquisitos...como o voso.  E unha aperta Jeff, onde queira que esteas..

Pequeno documental (en inglés) con imaxes da infancia: http://youtu.be/G04gO87t1Kk