LEMBRANZA DE ANTÓN TOVAR

194
LEMBRANZA DE ANTÓN TOVAR

A saúde do poeta da Pereira Antón Tovar, nos últimos anos de vida, foise facendo máis fráxil, máis delicada, restándolles forza e claridade ás declaracións que lle eran solicitadas por parte dos medios de comunicación.

194Nove escolares do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga, de entre sete e once anos, póñenlles voz nova ás palabras do escritor limiao ao leren fragmentos do libro Antón Tovar. Conversas cun vello revoltado, publicado por Galaxia no ano 2005, do que é autor o xornalista e escritor Xosé Manuel del Caño, e que se recollen no CD Casares, Valente, Tovar. Ourense, Xenebra, A Limia, editado pola produtora Visualq.Ourense en 2017, que reproduce parte das entrevistas realizadas aos tres autores ourensáns polo antedito xornalista.

1. A patria da infancia

A memoria fértil de Antón Tovar volta a miúdo aos espazos da ledicia infantil e aviva vivencias que nunca adormeceron de todo no berce da existencia, recuperadas e recreadas tantas veces na emotiva obra literaria. No centro, a farturenta casa grande da Pereira na que aínda está a cama especial onde nace o poeta.

Aquí está o estabelecemento comercial mellor abastecido da volta, o comercio do tío Pepe Bobillo. Foro lúdico e social que non pecha nunca as portas, cunha adega ateigada de xamóns e pipas de viño do val de Monterrei, onde algúns se atreven mesmo a falar dos presos do convento de Celanova fusilados no alto do Furriolo.

As horas pasan calmas e gratas na solaina, atalaia desde a que a vista abranxe a quietude da chaira fascinante e dos xigantes pétreos que a rodean. A fala da aldea desperta vivo interese no Tovar adolescente, que acabará sentíndose pastor e labrego da palabra.

Na casa da Ponte, en Ourense, polas festas de Nadal, a familia facía o tren, un tren humano. El tren y las cosas (1960), o seu primeiro poemario, escrito en español, recrea as vivencias e saudades desta época. Con el gaña o premio de poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense.

Na casa familiar, imponse a figura da Susa (Xesusa), que se vai converter na segunda nai do autor. A fiel e protectora criada, á que Tovar dedica o magnífico poemario Non(1967), é compendio e símbolo da vida e saber campesiños, forte e duradeiro vínculo coa neneza leda da aldea.

2. A inmensidade da chaira

A Limia fala emocionada e confidencial nos poemarios galegos: de maneira destacada en Arredores(1962), Non(1967) e O vento no teu colo(1974); máis aínda en Calados esconxuros(1980) e Berros en voz baixa(1990). Dous relatos do libro A grande ilusión e outros contos(1989) levan tamén ás terras da chaira limiá.

Retornan as lembranzas da casa da Pereira e do lugar de Congostro, de onde era o tío Arsenio, o home da bondadosa tía Benita. Sentados nos mazadoiros de pedra, cantan moitas cancións, como as melancólicas “Unha noite na eira do trigo” ou “Nouturnio”, poemas do admirado Curros Enríquez, que protagoniza tamén as primeiras lecturas, xunto con Rosalía de Castro e Prado Lameiro.

O tempo da infancia-adolescencia é tema recorrente no universo tovariano, no que moitos elementos de vida se converten en motivos funcionais e poéticos. A infancia é á vez agarimo onde refuxiarse da frustración vital e fonte de saudade, de tristura, pois que pertence a un pasado perdido.

Os ollos da memoria volven recrear a imaxe da procesión de persoas e cabalgaduras dirixíndose cara á Pereira, cando os camiños levan riada de xente dun sitio a outro. E os paseos amenos e pausados por carreiros do monte Albán, cun caderno onde anotar fermosas palabras e expresións. O mundo campesiño é realidade omnipresente, dunha forma ou doutra, en poemas e prosas. O poeta confesa que á Pereira lle debe a lingua e as referencias da cultura oral.

Non pode faltar a etapa de formación académica: primeiro, no colexio dos Salesianos, onde nace a primeira vocación relixiosa; despois, o impoñente instituto do Posío, onde vai ter o privilexio de ser alumno do patriarca Ramón Otero Pedrayo.

3. A paixón amorosa

Cando todo semella un tránsito penoso cara a ningures, aparecen estanzas de esperanza e redención na casa de Pena Trevinca que levan ao nome de Tucha, Antonio Mirayo Pérez, onde apagar as sedes e fames afectivas, noutra cama grande na que non ha de nacer ningún meniño.

A celebración do casamento en 1968, sen confesión nin comuñón, provoca un pequeno escándalo e desavinzas familiares. Muller relixiosa mais confidente tolerante e eficaz, é destinataria do seu máis fermoso poemario amoroso, O vento no teu colo (Poemas a Tucha) (1974). “Sosego, acougo, compaña” do poeta até o pasamento desta no ano 2000. Musa cómplice, ampárao en durísimos transos de desesperación e angustia até conseguir o acougo e a clarividencia.

Na casa grande de Antón Tovar hai arredores lúgubres e interminábeis, marcados pola súa estadía no novizado dos xesuítas, onde os atormentaban coas desgrazas que lles aconteceran aos que abandonaran a orde, que acababan en arrepiantes mortes. A experiencia do internado de Salamanca desemboca nunha neurose obsesiva que ha de condicionar a súa existencia.

Ábrese o túnel das súas doenzas físicas e psíquicas, como o “pensamento” da despersonalización, que non lle permite distinguir entre o que pensa, o que soña e o que vive.

O relato “O pensamento” narra o seu internamento no sanatorio psiquiátrico La Cigüeña de Aravaca (Madrid) para se curar dos males da cabeza e da alma. Aquí non para de escoitar os berros desesperados dos tolos do soto, un lugar de separación infernal, de soidade e tolemia, con dous irmáns xemelgos que pasan toda a noite a se laiaren.

DELFÍN CASEIRO