LEMBRANZAS DOS 65 ALUMNOS LIMIAOS DO COLEXIO DOS MILAGRES NA DÉCADA DOS 70(Parte I)

Exalumnos Os Milagros
LEMBRANZAS DOS 65 ALUMNOS LIMIAOS DO COLEXIO DOS MILAGRES NA DÉCADA DOS 70(Parte I)

Os húmidos fillos da Madrugada 45 anos despois

Un dos meus grandes defectos, supoño que herdado do meu pai, é a teima de conservar todos cantos “papeis” que, dun xeito ou doutro, formaron parte da miña vida. Entre eles, gardo con grande agarimo algunhas cousas dos anos 70, concretamente do 1974 ao 1978, época que coincide co meu paso polo Colexio dos Paúles, dos Milagres do Monte Medo.

IMG-20201214-WA0023Algún destes recordos conteñen distintas relacións de alumnos da Limia que estudábamos e parábamos no internado do Colexio dos Milagres nos cursos do 74 ao 78, e dáme pé para remexer no recuncho da memoria da miña adolescencia, e na de moitos dos que fixemos aqueles esquecidos viaxes. Entre estas relacións figuran os nomes de mais de 65 internos, con excepción dos pertencentes ao Concello de Vilar de Barrio dos que non conservo rexistros escritos, pero lembro que había un grupo moi numeroso estudando no colexio.

Os rapaces da miña xeración, cando rematábamos o ensino obrigatorio, unha vez aprobados os oito cursos que comprendía a Educación General Básica (EGB), obtiñamos o Graduado Escolar que basicamente nos permitía continuar estudos superiores ó Bacharelato Unificado Polivalente, BUP, ou a Formación Profesional.

Esto, acontecía por os anos 60 e 70 do pasado século, cando non había máis institutos que os de Ourense, e os alumnos de Xinzo e arredores, cos de Verín, A Gudiña, Celanova ou mesmo Trives e o Barco, para continuar estudos secundarios non tiñamos moitas alternativas nin eran moi económicas, así que, ou ben se conseguía praza nos poucos institutos que existían na Capital, ou, o mais frecuente, pagábanse matrícula e mensualidades nos centros privados que adoitaban ter internados, tanto nos rexidos por ordenes relixiosas que eran a inmensa maioría, como nas residencias de estudantes no caso dos colexios laicos. O internado ou externado en residencias, xa que logo, era unha alternativa case que imprescindible nun mundo rural de “longs and windings roads” que cantaria Lennon, mal comunicado e con lentos e incómodos transportes de pasaxeiros.

Estas e outras cuestións contribuían enormemente a que a taxa de escolaridade nestes anos, estivera moi por baixo da inmensa maioría dos países europeos, e fora habitual “plantar” e deixar os estudos con 14 ou 15 anos o rematar o ciclo obrigatorio.

Con estes antecedentes, non é de estrañar que as perspectivas educativas, e as estatísticas nesta época, segundo o libro branco de 1969 do propio réxime, foran desoladoras: De cada 100 alumnos que iniciaban a ensinanza primaria na década dos 50, chegaban a ingresar 27 na ensinanza media; Aprobarían o bacharelato elemental 18, e 10 o bacharelato superior. O preuniversitario (PREU) seria aprobado por 5 alumnos, e culminarían estudos universitarios nos anos 70 unicamente 3 alumnos!.

Neste contexto, os meus pais como moitas familias de Xinzo e da Limia, chegado o momentoIMG-20201214-WA0010 enfrontábanse, xa que logo, a unha fonda reflexión e dilema en relación co futuro dos fillos que ó tempo eran comúns as familias, por certo moitas numerosas, do rural galego.
Había que decidir si estudiar aos fillos ou, pola contra, plantar os estudos percurando traballo aquí, ou moi frecuentemente na emigración.
De continuar cos estudos, había entón que buscar colexio e aloxamento, e resolver o xeito e as posibilidades económicas da familia para facer fronte o pago deses anos que se aveciñaban de escolarización e aloxamento, converténdose esta na cuestión mais preocupante.

Unha vez resoltos estes dilemas para seguir estudando, tiñamos basicamente dúas opcións ou matricularse no Colexio Santa Mariña ou marchar fora de Xinzo a un colexio privado.

Os meus pais, decidiron que a mellor opción seria que fora facer o BUP para o Colexio dos Milagres. Supoño que nesta decisión pesaría por riba de todo a cuestión económica, daquelas estariamos cursando estudos superiores en distintos colexios, ós seis fillos do matrimonio, -en Zamora, Verín, Xinzo, Ourense, e a partir dese curso, os dous cativos no Colexio dos Milagres. Un milagre de administración doméstica, cheo de sacrificios e renuncias cos escasos recursos económicos da maioría das familias, ós que a nosa con seis fillos que atender, non era allea.

Por outra banda, sin. dúbida percurarian un entorno axeitado cos seus valores e principios, tentando alonxarme de ambientes “perigosos” nun momento no que as drogas comezaban a facer estragos entre a mocidade. Era o tempos do “Lucy in the Sky with Diamonds”, e do sexo, drogas e rock & roll a ritmo de marihuana e LSD que proclamaba o “prohibido prohibir” garabateado na Sorbona no maio do 69.

En definitiva o final dos anos sesenta e os setenta eran un novo e revolucionario tempo que estaba cuallando entre a xuventude, espallando unha mensaxe unánime dende aqueles tres lamacentos dias de Woodstock nos que 400.000 gorxas ao berro de “freedon, love and peace” empurraban o establishment para cambiar o mundo.

En España vivíamos a cabalo entre dúas xeracións condicionadas por a mais que evidente descomposición do réxime represor da ditadura Franquista. Tampouco a igrexa católica era allea a todos estes cambios e comezaban a dar froitos os postulados do Concilio Vaticano II, das comunidades de base e das teoloxías del ‘Yo creo en la esperanza’ dos Padres Llanos e Díaz Alegría, do Pozo do Tío Raimundo.

Alleos a estas cuestións, ou incrédulos diante dos cambios que se albiscaban, o illado colexio-internado do Monte Medo, era probablemente un dos que aos meus pais mais confianza lles ofrecería: Rexido por a orde Relixiosa dos Paúles dos que tanto e ben escoitaran falar, e dos que aínda resoaban os ecos dunha multitudinaria misión pastoral en Xinzo de Limia en anos precedentes.

Cada familia tomaría a decisión de mandar o fillo os Milagres por a razón que fose, pero pesarían nomeadamente e sobre todas as demais, a proximidade e o custo económico. Tiña ademais este colexio un novo edificio moderno e funcional inaugurado apenas cinco anos antes –no 1969- no que xa había matriculados e internos, alumnos do pobo que falaban moito e ben do lugar, dándolle sona en toda a contorna.

A primeira decisión que tivo que tomar a miña mai por cuestións económicas, foi facerme repetir o octavo curso da EGB para esperar polo meu irmán co fin de aforrar unhas cento de pesetas compartindo os custosos libros que precisaría en ese, e nos cursos sucesivos. Unha decisión pouco doada, coa que conseguiu, reducindo gastos, o seu obxectivo de darlles estudos a todos os fillos e fillas, ós seis!.

IMG-20201214-WA0016Lembro as primeiras viaxes co meu pai ó Monte Medo para facer a matrícula por unha polvorenta e pedregosa estrada sen asfaltar, nun autobús da empresa Mangana que tiña a parada no bar Monforte no que adoitabamos tomar un café antes de iniciar aquela longa viaxe de 26 quilómetros, nun coche que, por certo, non tiña as fiestras de vidro senón que eran de algún tipo de plástico duro para evitar que racharan por a vibración das fondas e continuas fochancas.

As normas do colexio e do internado esixían ter todo a punto e ben preparado para comezar o curso. Había que levar dúas saquiñas de tela, unha para a roupa limpa e outra para a sucia, chamabámoslle o petate, que debía incluír roupa de cama, toallas, pixamas, dúas ou tres mudas de roupa interior, roupa de abrigo e o equipamento normal das prendas de diario.

Ademais, en todas e cada unha das prendas había que coserlles un pequeniño número que vendía por tiras o Robustiano de Xinzo. Lembro a miña mai e a unha das miñas irmás apurando a coser nas prendas, no comercio do meu pai, algúns daqueles diminutos 168, o meu número da roupa. Imprescindible para identificala si ademais a deixabamos na Lavandaría do internado.IMG-20201214-WA0022

O primeiro día a chegada o colexio, leváronnos ao salón de actos, e alí, o Padre Odilo, o Fierro e o Arturo, entre outros relixiosos sen hábitos nin sotanas, (Excepto o Padre Eguren que adoitaba levala) nos deron a benvida e as primeiras directrices, indicándonos a camarilla na que pasaríamos os próximos meses.

De alí partimos nunha rebuldaina de rapaces indo e vindo por os longos corredores, saudándose uns, e desorientados outros, naquel ritual antigo que nos diferenciaba con inxenuidade ós “pericos” dos “carneiros”, naqueles primeiros intres de internado. Tal era a cantidade de pericos que se incorporaban ao colexio cada ano coas súas trasnadas, que practicamente non se notaba a diferencias entre novos e veteranos.

Carlos Gómez