A lenda dos irlandeses “waterproof”

chuvia
A lenda dos irlandeses “waterproof”
MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO En Galicia chove, e moito, por esa razón a nosa lingua ten tantas formas de chamarlle a esa...
MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

En Galicia chove, e moito, por esa razón a nosa lingua ten tantas formas de chamarlle a esa auga que cae do ceo: orballo, mera, babuña,froallo, patiñeira, e así ata a eternidade. Así que eu pensaba que os galegos estabamos acostumados a ela, ás veces para sufrila e outras para celebrala, pero non, somos un afeccionados.

Aí atrás tiven a oportunidade de vivir un tempiño en Irlanda, e o deles é simbiose.

Dublín, día de chuvia, como case todos. Levas contigo o paraugas, a mochila, as botas e a chuvia, e que chuvia, auga por todas partes, ata onde che alcanza a vista. E os irlandeses coma quen oe chover, camiñan cheos de dignidade baixo o ballón sen inmutarse. Elas cos seus zapatos de tacón, as súas sandalias e os seus abrigos de pano. E eles coas súas americanas, impertérritos. Nin un paraugas, nin unha capucha, soamente as súas cabezas louras e rubias e a súa pel pencada, en perfecta combinación coa auga que rega as rúas.

Están tan afeitos ás precipitacións que se funden con elas nunha unión case máxico-sagrada, que para o estranxeiro resulta sorprendente. Parecen “waterproof”, ou o que é o mesmo resistentes, incluso inmunes, á auga. Neste país cheo de “Patricks” e “Aoifes” que actúan como se non se estivesen calando cando están caendo 100 litros por metro cadrado, ata se atreven a viaxar en bicicleta nos días de temporal. Nunha primeira ollada semellan seres resignados a sufrir as inclemencias do tempo, abnegados pero a un tempo rebeldes. Rebeláronse contra a ditadura das catiúscas e os chuvasqueiros e decidiron tomar as rendas das súas vidas e dos seus armarios. Propuxéronse que a chuvia non lles arruinaría nin un día máis, senón ao contrario decidiron deixar o odio a un lado, aceptala e amala.