Lentura

As veces as palabras provócanos emocións sen que podamos explicar moi ben a razón, xa que nin o seu significado nin a súa fonética teñen nada de especial. Entendo perfectamente que “lentura” sexa un termo aséptico para case todos, e incluso descoñecido para os máis mozos sen relación coa terra.  Pero para min é especial, e transcende a definición do dicionario que lle atribúe  o significado de “humidade da terra a pouca fondura”.

A lentura é a teima da natureza por manter a vida nas épocas de estío, é o sorriso da terra que  ofrece o seu perdón ao ser ferida co sacho. É o remedio contra o temor telúrico, e a esperanza de que a colleita non se estraga coa seca.  A lentura non ofrece os resultados espectaculares e pasaxeiros dunha rega intensa, pero asegura unha planta forte e saudable capaz de sobrepoñerse ás inclemencias.

Un medio de comunicación que agroma nesta época de implacable estío, non pode agardar aportes dun acuífero económico esgotado, e terá que subsistir coa “lentura” dos ideais máis enraizados nesta areosa terra da Limia. Se consigue prender, non haberá herbicida que o seque.

Unha vez explicado isto desculparédesme por ter escollido este encabezamento e este tema introdutorio para unha colaboración que do que pretende falar é do territorio, de urbanismo, de patrimonio, e de arquitectura... que por certo, rima con lentura.