Ler para soñar.

Miguel A., Rafael Laso e Elvira Lama no acto de presentación do libro
Ler para soñar.

O meu anterior artigo neste xornal levaba por título Os nenos e a lectura e publicouse o sete de abril. Dende entón non puiden sentarme a escribir sequera unhas liñas, enleado como estiven precisamente con algo que tiña que ver, e moito, co título daquel artigo. No mes de maio saíu do prelo a miña novela A revolta da lagoa, para un público que só debe cumprir unha condición: superar os dez anos de idade. Despois de pasar once días pechado por mor de ter apañado o coronavirus adobiado coa gripe A, puidemos facer a presentación na praza Maior da miña vila, cunha grande presencia de público nun fermoso día das Letras Galegas. Debo agradecer dende aquí a compaña de dúas persoas que contan coa miña amizade, Elvira e Miguel Anxo, que tiveron a deferencia de presentar en sociedade o novo libro. Para eles a miña gratitude e igualmente para o concello, que se implicou de cheo na organización do acto, sen deixar de lado a colaboración da libraría Galaica. Volver á miña vila sempre é especial e en días coma ese, rodeado de familia e amizades, moito máis.

Correron veloces os días cara o mes de xuño, como se eles mesmos tivesen présa por chegar ao verán e que se esvaeron organizando a presentación da novela en Vigo. Agora virá o tempo de descanso, de lecer, de retomar lecturas de libros inacabados de ler, liñas pendentes cheas de palabras ensarilladas por un fío invisible que nos transporta, pola arañeira dunha viaxe imaxinaria, a centos de lugares e espazos que talvez endexamais visitemos pero que si poderemos imaxinar. Quero ler para soñar, díxome unha lectora antes de que lle dedicase a miña novela. Quero ler para soñar. Esa frase, esas catro palabras quedaron marcadas na miña memoria. Nunca vin unha explicación tan fermosa, tan marabillosa, para explicar o pracer da lectura. Confeso que sempre lle din a razón a Jorge Luis Borges que nos deixou un consello indiscutible: Se non che gusta un libro, non o leas. Se non che gusta ler, non o fagas. A lectura non é unha moda, é unha forma de felicidade e non debe obrigarse a ninguén a ser feliz. Non lembro o nome daquela muller, daquela lectora que quería ler para seguir soñando. Pídolle desculpas dende aquí por usar a súa frase. Repetireina moitas veces. Contarei a historia cando estea falando cos rapaces, direille que lean, que lean moito, para que poidan soñar con lugares marabillosos aos que poderán chegar co inmenso poder da lectura.

En breve chegarán as festas da miña vila na honra de santa Mariña. Hai moitos anos fixen a primeira comuñón nese día e recibín dos meus pais o agasallo que máis aprezo: cinco libros de Jules Verne, ao que chamo moitas veces cariñosamente Xulio Verme, porque foi quen de meterme no corpo o verme da lectura, e que case cincuenta anos despois aí segue acubillado. Dez días despois das festa, chegarán as vacacións. Neses días de descanso e lecer, sempre hai un oco para a lectura. Hai moitos libros que están a agardar por min. Como noutros anos, lerei para ser feliz, para imaxinar mundos distintos en sitios distintos. Porén, neste verán, quero ler tamén dun xeito diferente. Quero ler para soñar.