Unhas letras para Carlos

Unhas letras para Carlos

Cada vez que había que escribir unha carta ós meus pais, daquela na Alemaña, a miña tía Irene Moca usaba a expresión \“poñer unhas letras\”. Mais isto que escribo non vai ser unha carta, senón a expresión dunha ledicia, creo que compartida por moita xente. Por fin a Academia vén de designar o 2017 como o ano de Carlos Casares.

Hai pouco máis de dous anos, concretamente o dous de xuño de 2015, saíu neste xornal o meu artigo \“Letras Galegas\” que remataba así:

\“Con todo, agardemos que algún ano destes, máis axiña que tarde, a Academia acorde de dedicarlle o día ao noso Carlos Casares, que, de seguires a este paso, vai polo mesmo camiño que o de don Ricardo Carballo Calero, igualmente merecente de tal honra e parece que esquecido sempre á hora da escolla do elixido.\”

Desta volta, no cuarteto final de propostos, figuraban xunto a Casares, tamén don Ricardo, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. Sen desmerecer os outros candidatos, coido que este debía ser o ano para Carlos. No vindeiro ano, serán xa quince dende aquel en que nos deixou inesperadamente, sen avisar da súa marcha, que nos colleu a todos co pé cambiado. Tamén, nese 2017 que se achega pouco a pouco, unha obra súa, Vento ferido, estará de aniversario: nada menos que cincuenta anos da publicación deste seu primeiro libro, onde ó longo dunha ducia de relatos amosa as inquedanzas do seu universo literario, que bebe das augas do cotián. Esas augas que se amosaban diariamente a modo de pingas literarias nesa columna diaria que baixo o título \“Á marxe\” publicou durante moitos anos en La Voz de Galicia. Cónstame que moita xente que nunca lía en galego, comezaba a ler o xornal pola columna do Casares. Sei do seu apoio na defensa no noso idioma, as súas peregrinacións por colexios ó longo de toda a nosa xeografía. Galicia tiña unha débeda con Carlos e vén de ser saldada pola Academia. Carlos, con sona de gran conversador, deixou amigos espallados por todo o mundo. Toca conseguir agora un grande ano 2017, para que, o mesmo que a súa obra, a súa figura permaneza na memoria.

Parabéns a Academia pola elección, mais dende aquí o desexo de que para o ano, a hora da escolla haxa tamén escritoras na lista. Aínda que algunha máis me quedará, velaí agardando Pura Vázquez, Xela Arias, Luísa Villalta ou xa algo máis lonxe no tempo Clara Corral Aller.

Rafael Laso