A Limia e o ferrocarril que nunca chegou

ferrocarril
A Limia e o ferrocarril que nunca chegou
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO Por dúas veces perdeu Xinzo a posibilidade de ter comunicación por ferrocarril. Unha foi a finais do século...

EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

Por dúas veces perdeu Xinzo a posibilidade de ter comunicación por ferrocarril. Unha foi a finais do século XIX e outra nos anos vinte do século pasado. A finais do século XIX, na provincia de Ourense, sentíase a necesidade dunha nova liña férrea, e a opinión pública a reclama, un e outro día, con máis urxencia.

A primeira oportunidade xurdiu cando na Deputación de Ourense pensouse preferentemente nunha liña que comunicara Ourense con Portugal, pasando polas vilas de Allariz, Xinzo e Verín, para enlazar en Chaves cos camiños de ferro portugueses.

Esta idea do ferrocarril de Ourense a Verín, foi o proxecto máis popular e, reclamado con tanta insistencia que a Deputación encargou varios estudos. En 1890, José Ontaneda, axudado polo capitalista de Verín señor Barbón, e algúns concellos, contando coa subvención da Deputación provincial, realizou un estudo que permaneceu ignorado ata 1897. Houbo diferentes consultas e proxectos, como o publicado por Alejandro Quereizaeta. A Deputación finalmente aceptou o presentado pola empresa “Zamora and Portugal Railway Galicia Ltd.”, que anos despois cedeu o proxecto, en 1911, a empresa representada polo enxeñeiro Sáez Díez, que non chegou a dar principio ás obras a pesares de ter obtido a autorización, quedando abandonado o proxecto definitivamente.

Perdeuse entón a  primeira posibilidade de que a nosa vila tivera ferrocarril, inda que era de vía estreita, pois abandonada esta idea, anos despois veu substituíla a de Zamora-Ourense-Santiago, que esqueceu no seu proxecto o paso polas vilas de Allariz, Xinzo e Verín.

Ante este agravio, alzáronse numerosas voces apoiando a variante que propón, Eloi Luís André de Verín, profesor do Instituto Cardenal Cisneros de Madrid, este novo percorrido entre a Portilla da Canda e Ourense pasaría polas vilas de Verín, Xinzo e Allariz.

O concello de Xinzo, reunido en sesión extraordinaria, o día 11 de maio de 1925, e a proposta do concelleiro Luís Conde Valvís, rexeita o proxecto do camiño do ferrocarril Ourense-Zamora do Sr. Cantero e defende a proposta de Eloi Luís André, dende o km. 14 hasta o 110 na Portilla da Canda con un solo túnel nas Estibadas, de acordo con este proxecto, o percorrido por Allariz, Xinzo, Verín a termos de Riós se faría por terreo plano, aumentando soamente a distancia de Ourense a Zamora en 6 km. Pero ganaríase en rapidez e menor tempo do percorrido.

A prensa local de Verín “Nuevo Tamega” e de Xinzo “El Pueblo Antelano”, en 1925, dedican amplos espazos a defender esta variante, o nº 3 do xornal de Xinzo publica en 1ª páxina: “Problemas gallegos. Ferrocarril de Orense a Zamora”, artigo de Eduardo Ramos colaborador do Sr. André; tamén “En la ruta del ferrocarril de Orense-Zamora por J. Vidal de Bustamante que escribe: “Posee el valle de la Limia productos de huerta que compiten y superan a las de otras regiones […] las plantaciones de patatas abarcan inmensas extensiones […] pero en donde estriba su principal riqueza es en la ganadería […] El día que el camino de hierro cruce estas tierras, es indudable el florecimiento y riqueza del país!"

Antonio Nieto Oliva publica no nº 4: “Temas Regionales. El F.C. Orense-Zamora, pasando por Allariz-Ginzo-Verín”: “La apatía de los pueblos, muchas veces, contribuye a que los mismos no alcancen aquellos medios de progreso a que tienen derecho por su situación geográfica y agrícola […] El ferrocarril Orense-Zamora con su necesaria variante, es un factor importantísimo que ha de contribuir al engrandecimiento de estos tres pueblos. Así que, los habitantes de ellos debemos, mejor dicho, estamos obligados a romper el silencio y ver, por medio alguno, de lograr el ferrocarril Orense-Zamora pasando por Allariz-Ginzo y Verín […]; na 3ª páxina publica J.Vidal de Bustamante “Problemas Gallegos” e escribe: ¡Queremos la construcción del ferrocarril, pero siempre que atraviese los pueblos ricos de la comarca, y nunca jamás las sierras estériles!

Nos seguintes números aparecen artigos de Lino Arcos García, administrador de correos en Xinzo e varios artigos de Eduardo Ramos de Verín.

En “El Pueblo Antelano” nº 8, publicase unha entrevista co alcalde de Xinzo, Manuel Vidal, e a copia do pleno extraordinario do concello, celebrado o día 11 de maio de 1925, no que se presentou unha moción, a favor da variante, polo concelleiro Conde Valvís. No libro “A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925)” onde se reproduce en facsímile toda a colección de “El Pueblo Antelano”, pode o lector informarse máis polo miúdo da campaña a favor da variante.

O último dato coñecido é o informe do alcalde de Xinzo, no pleno do 27 de febreiro de 1926, que co fin de conseguir a variante, e de acordo ca proposta do catedrático Eloi Luís André, estivéronse  a facerse xestións por tódolos concellos interesados e particulares, habendo dirixido telegramas aos poderes públicos, persoas influentes e a prensa. Tamén se acordou trasladar a Madrid en comisión, os alcaldes  e algunhas persoas representativas de cada municipio, para continuar premendo persoalmente a favor de tales xestións, a tal fin nomeouse, en Xinzo, unha comisión formada polo alcalde Manuel Vidal e o concelleiro Luís Conde Valvís. Esta comisión viaxa  a Madrid en Marzo e Abril e no pleno do día 29 de abril, aprobouse unha factura de gastos por importes de 2.420,25 pta.

A pesar de todas as xestións realizadas, e o clamor popular, non se conseguiu o obxectivo e, unha vez máis, a nosa terra quedouse definitivamente sen ferrocarril. Ante o fracaso da iniciativa, o ruxerruxe, atribuíu, a non aprobación da variante, ás presións de importantes comerciantes de Xinzo e Verín, que vían perigar os seus negocios, polas facilidades para a chegada de mercadorías dende outras partes do país. Pero iso, fora verdade ou mentira, quedou na memoria das xentes da vila, e soamente os interesados souberon a verdade.

As obras do tramo Puebla de Sanabria-Ourense  iniciáronse en 1929. Coa chegada da república e a crise económica os traballos suspéndense, para reiniciarse en 1934, pero cun ritmo lento. Despois da Guerra Civil prodúcese outra nova pausa, quedando os traballos totalmente paralizados. Este proxecto, finalmente, foi inaugurado por Franco o 1 de xullo de 1957, o que supuxo todo un acontecemento social na época.