“Desde logo non pasa nin por un aprobado xeral nin por condenar a eses rapaces a que perdan o semestre e volvan o ano que vén”

equipo-estudiantes-que-completan-tarea_23-2147666610
“Desde logo non pasa nin por un aprobado xeral nin por condenar a eses rapaces a que perdan o semestre e volvan o ano que vén”
Ola! Son Óscar Rivero (de Baronzás) e gustaríame enviar unha pequena resposta á carta de Purificación Dacal sobre o tema da ABAU e do curso académico. Moitas grazas !

Gustaríame que este pequeno texto servira como resposta á carta de Purificación Dacal, que sen dúbida aborda unha problemática interesante como xa o fixera días atrás Noni Medina.

equipo-estudiantes-que-completan-tarea_23-2147666610Ninguén dubida que nestes días o prioritario é a saúde. Seguir as recomendacións e as pautas das autoridades para evitar un aumento dos contaxios que podería colapsar o sistema sanitario, coidar ás persoas máis vulnerábeis e en definitiva adaptarse a unha situación totalmente inédita para nós.
Non obstante, que existan unhas prioridades non quere dicir que haxa que descoidar outros aspectos. Un exemplo claro é a economía: detrás dos ecos que nos chegan do desprezo dos países do norte cara aos do sur, do anuncio incesante de expedientes de regulación temporal de emprego e da incerteza dos pequenos comerciantes, amágase unha realidade cruel para moitas familias. Nas próximas semanas asistiremos seguramente a unha dicotomía na que o goberno terá que escoller entre tomar medidas sanitarias moi estritas ou tratar de evitar unha parálise total da economía que podería ter efectos moi nocivos a longo prazo.

O sector da ensinanza tampouco vai quedar alleo a este curso tan atípico, e aquí gustaríame matizar en función dos niveis educativos. Por unha banda, nos cursos de primaria, ESO e primeiro de bacharelato, a solución máis razoábel é que os docentes traten de ir encargando tarefas ao alumnado, intenten facer un seguimento nas condicións que sexa posíbel (isto é especialmente delicado en sitios rurais onde unha porcentaxe significativa de xente non está conectada á rede) e poidan garantir que avanzan de curso sen excesivas carencias que poidan complicar o seu éxito en anos vindeiros. Pero obviamente o resultado dos procesos de avaliación terase que basear nas evidencias recollidas nos dous primeiros trimestres.

Segundo de bacharelato é moito máis delicado. A posibilidade de suspender as ABAU non se debe sequera contemplar. Moitas carreiras teñen númerus clausus e resulta inviábel establecer procedementos de acceso que non consistan nunha proba independente: as notas anteriores de bacharelato nunca poderían ser un bo termómetro, pois hai moita desviación estatística por centros. Que nos topariamos se non facemos esta proba? Como controlariamos a admisión por exemplo a estudos de dobre grao que ofertan tan só dez prazas? Hai que garantir non obstante que se poida realizar nunhas condicións razoábeis, tanto desde o punto de vista da saúde como da equidade entre estudantes. Neste sentido, a posibilidade de eliminar certos temas tampouco é boa porque non se segue a mesma orde en tódolos centros. Só queda entón tratar de establecer períodos lectivos extraordinarios (se se puidese o mes de xullo), retrasar as probas e adaptalas nos termos que propuxo a ministra Celaá de “aumentar as posibilidades de escoller” (permitindo por exemplo non responder a preguntas dalgún dos temas).

E que dicir da universidade? Este semestre imparto docencia en dúas materias e o parón colleunos cando só desenvolveramos aínda o 40% do temario e non fixéramos ningunha proba de avaliación. Cal é a solución? Desde logo non pasa nin por un aprobado xeral nin por condenar a eses rapaces a que perdan o semestre e volvan o ano que vén. Tódolos profesores estamos intentando proporcionar materiais, pór á disposición do alumnado tódalas vías posíbeis para contactarnos... e mesmo esta semana comezamos a facer clases virtuais a través de certas plataformas que nos facilita a universidade. Desde logo isto non pode substituír á clase presencial, pero é un intento de manter unha certa normalidade nestes tempos de crise e facer que non sexan uns meses perdidos. Nalgún momento necesariamente examinaremos a estes alumnos, xa sexa en xuño, en xullo ou en setembro, e farémolo coa mellor vontade e conscientes das limitacións que houbo. Pero honestamente penso que non hai outra solución posíbel e que parar por completo sería causar un dano social que se sumaría á traxedia sanitaria que xa estamos a vivir.

Só podo acabar desexando que tódolos lectores estean ben e que pasen pronto estas semanas tan duras.

Óscar Rivero Salgado

Investigador en formación e docente na Universitat Politècnica de Catalunya