LOITADORES

470

\“Manuel érguese cedo, parece que ten a enerxía dun rapaz de vinte anos. O primeiro que fai é parar no baño e mirarse no espello, mírase ós ollos, respira profundo e alza un sorriso para comezar o día. Vai despaciño á cociña; a súa dona, Sara, xa está a pórse a chaqueta para marchar ó traballo, dálle un bico e despídese agarimosa, non chegará ata a noitiña.

470Cun programa de radio de fondo, no que de vez en cando lle arranca unha gargallada esas bromas dos locutores, prepara as tres cuncas do almorzo, para os seus dous cativos e mais el. Os nenos entran cos ollos pegados buscando a aperta e os bos días do seu pai, e séntanse mentres xa clarea e o sol ilumina toda a casa…

A cita de Manuel hoxe é ás 11:30; fai cinco anos non se atopou ben e o diagnóstico non foi bo, naquel intre que soubo que o bicho do cancro estaba anidando no seu pulmón, o mundo disipouse, caeu cal raio no seu peito e pensou que ese era o día que todo remataba para él. Equivocouse, a vida empezaba de verdade.

Entra na consulta, e desta vez os médicos dinlle que non lle poden asegurar nada, pero agora cas sesións do novo ciclo, é normal que se sinta canso, que non se preocupe pola desgana das comidas, ou cando lle faltan ganas de facer nada.

Son as 12:45 cando sae do hospital, vai tomar o seu zume de laranxa e quédase cavilando con algunhas das noticias que lee na prensa, pensa que o mundo vai de volta toleando, este mes a noticia é a independencia catalá, algo do artigo 155, e non sei que máis. O seu rostro volta serio cando pensa no futuro dos seus fillos, a cousa non é broma, a sociedade drógase de mala educación. Nunha esquina do periódico divísase un lazo rosa (outubro é o mes do cancro de mama). Paga a consumición e cos seus ollos cheos de brillo, marcha buscar ós nenos ó colexio.

Anoitece cedo, xa se notan os días encollidos de luz, a casa está tranquila e Sara entra directa ós brazos de Manuel, está posta ó día de cómo foi a xornada, pero leva contando os segundos para o mellor momento do día, ese no que nos dous se funden nun bico que aupa a forza de dous loitadores mais dos moitos que nos rodean.

Ela mira orgullosa ó seu home, e recorda as tonterías que antes lle facían discutir, mentres el non pode deixar de pensar que, inda despois de traballar case doce horas para sacar ós seus adiante, segue a parecerlle a muller mais fermosa que coñeceu, de ollos oscuros que lle devolven á vida cada día.\”

Así que certamente, outubro é o mes do cancro de mama, pero todo o ano é o mes de moitas loitas, ou malas noticias, dunha lacra que invade nosos sonos.

Manuel podía ser Sara, ou Sara podía ser Manuel, porque o bicho non elixe o sexo, nin a persoa, nin o momento. Non podo mais que baixar a cabeza ante todos eses loitadores de a cotío, as miñas miserias das que fago unha montaña ás veces, van ó lixo se me comparo con todos estes latidos que teñen que acostumarse a cables de hospital ou a noticias de médicos.

Que ninguén é menos ou mais, e cada un de nós temos pois o que nos toca, o que nos trae o destino, ou a casualidade. Pero hoxe miñas verbas, con todo meu corazón, van para vos, valentes, loitadores, heroes…

E que os avances desta vida non cheguen só en forma de tecnoloxía… que cheguen fulminando o bicho, en outubro, en novembro… en todos os meses de todos os anos.

Diana Budiño Calvo