Máis cine na Limia en 2014 con moita "Esmorga"

1547935_402895306512875_164361357_o
Máis cine na Limia en 2014 con moita "Esmorga"
ALBA PROL O 2014 comezaba na provincia de Ourense cargado de actividade audiovisual, para seguir a estela do pasado ano 2013,...

ALBA PROL

O 2014 comezaba na provincia de Ourense cargado de actividade audiovisual, para seguir a estela do pasado ano 2013, no que se gravaron bastantes películas, series e curtametraxes (tendo en conta a crise na que estamos sumidos). O director e produtor galego Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor) está gravando na cidade das Burgas “A Esmorga”, película baseada na novela de Eduardo Blanco Amor. Para elo, a zona vella da cidade retrocederá no tempo medio século e algunhas das súas rúas sorprenderannos durante estos días cun repentino plató de cine ao aire libre e en escenarios naturais. O filme estára protagonizado polos famosos Miguel de Lira (que será Cibrán), Karra Elejalde (O Bocas) e Antonio Durán “Morris” (O Milhomes).

Aínda que xa se comezou con algunha pequena toma de contacto e gravación de paisaxes dende o nadal, a meirande parte do filme está a ser gravada dende mediados de febreiro e seguirá durante todo o mes de marzo na nosa provincia. A pesar de que o asentamento principal do equipo está en Carballiño, onde se aloxan, a rodaxe centrarase na capital da provincia como calquera que lera a famosa novela pode deducir. Pero esa non será a única localización, tamén gravarán durante uns días en Carballiño e en Escairón, na provincia de Lugo.

Adaptar unha novela tan famosa e mítica é todo un reto e unha honra para Ignacio Vilar que tentará, como dixo, facer que Ourense e esta novela se coñezan internacionalmente grazas ó seu filme, como xa fixo con Vilamor, co que percorreu parte dos festivais do mundo enteiro promocionando Galicia e a nosa forma de vida tradicional.

O resultado final falará por si só, do que estamos seguros é que a nosa provincia terá difusión nacional e internacional coas súas Burgas, a súa zona vella da capital e os seus ancestrais canellóns que agochan moitas troulas e noites de esmorga.