Aitor Paz cóntanos como foi a experiencia no primeiro campus de fútbol americano organizado na Limia
AITOR PAZ PORTELA
O deporte protagonista da célebre película de Oliver Stone Un domingo cualquiera, visitou as terras limiás o pasado 15 de decembro. Estamos falando do fútbol americano, ou football, como máis comunmente se lle chama.
Polo mes de novembro, un servidor visitaba a Luis Miguel Gil, concelleiro de deportes de Xinzo, para propoñerlle a idea: facer un campus de football americano aquí, na nosa vila.
O principal obxectivo era poder achegar a estas terras este deporte aínda emerxente, e ademais, poder ofrecer unha alternativa á xente, algo distinto. A nosa comunidade conta xa con una liga autonómica, que xa vai pola segunda edición, e conta tamén con varios equipos espallados por o territorio galego. Dende AGFA (Asociación Galega de Fútbol Americano), proporcionaron axuda dende o primeiro momento, o cal facilitou as cousas de cara a organización.
O día do campus desprazáronse dende Vigo uns poucos membros do Club Vigo Guardians, equipo olívico desta disciplina deportiva, que sería os encargados de ensinarnos e transmitirnos os seus coñecementos. Mentres tanto, 16 limiaos agardabamos no campo da Moreira o que sería unha xornada para descubrir, aprender e desfrutar dun deporte novo e descoñecido para a maioría. O evento estaba planificada para transcorrer en dúas sesións, a primeira pola mañá, dende as 10:00 ata as 13:30, e a segunda pola tarde, dende as 16:00 ata as 19:30.
Comezamos cunha charla por parte dos adestradores (coaches), na cal deixaron claro que este deporte esixe moita disciplina, sacrificio, esforzo e confianza nos compañeiros. Este deporte, ó contrario do que moita xente pensa, ten un alto contido estratéxico, no que todos e cada un dos xogadores teñen unhas funcións perfectamente planificadas. Todos dependen de todos, de aquí que a confianza e o pensamento en equipo sexan vitais.
Pola maña, o campus centrouse na parte mais física do deporte, en ensinar as técnicas e a función que se debe levar a cabo en cada posición; a sesión de tarde, centrouse nos aspectos tácticos e estratéxicos, con exercicios de pizarra e a posta en práctica das mesmas. Finalizou o campus con un partidiño entre os asistentes.
Hoxe podo afirmar que foi un éxito. Todos os que asistimos, coincidimos no mesmo, para todos e cada un, foi unha gran experiencia, digna de repetir, porque a pesar do cansazo, as maniotas e os moratóns, puiden escoitar de todos as mesmas palabras: maña mesmo volvía sen dubidalo.
Como afeccionado e promotor da idea, sería para min todo un orgullo que de aquí a un tempo, podamos contar con un equipo en Xinzo, polo cal, agora toca traballar. Os que estamos involucrados, invitamos a toda a xente que teña curiosidade a que pregunte, que fale con nós ou incluso que se anime a participar, son máis que benvidos.