Os maquis na Limia (1948): os sucesos de Pazos de Codosedo (Sarreaus)

Fotografía artigo Miro Os maquis na Limia
Os maquis na Limia (1948): os sucesos de Pazos de Codosedo (Sarreaus)
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO Unha noite do mes de xullo de 1948, os guerrilleiros da Limia piden refuxio nunha casa de Pazos...

EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

Unha noite do mes de xullo de 1948, os guerrilleiros da Limia piden refuxio nunha casa de Pazos de Codosedo, era propiedade do sogro de Xoán Sorga Rodríguez[i], estes pedíronlle a Xoán que actuara de enlace e que fora a Ourense a entregar unhas cartas a uns compañeiros que viñan da Coruña, tras negarse nun principio, ao final accedeu a cambio de que os deixaran en paz. A cita era o día 13 na Ponte en Ourense, onde tiña que dar o contrasinal a unha persoa con gabardina e cun esparadrapo na cara, o que non sabía Sorga é que os enlaces coruñeses foran detidos e que era a “brigadilla” da Garda Civil a que o estaba esperando. Tras falar con eles e entregarlle os documentos e avisalos de que estaban en perigo, identificáronse e detivérono, Xoán Sorga tentou tirarse ó río dende a ponte, pero collérono pola roupa. Levado ao cuartel foi “interrogado” e durante a “declaración voluntaria” que lle aplicaron, pediu falar co Coronel e chegaron a un acordo, a cambio de non haber represalias contra a súa familia, diría o emprazamento da base dos guerrilleiros. Xa era a madrugada do día 14 de agosto, cando un amplo dispositivo de gardas civís chegaron a Pazos e rodearon a aldea, para que os guerrilleiros non tiveran posibilidade de fuxir. Xa na aldea os gardas nerviosos dispararon contra unha muller que cruzaba a rúa, Ánxela Santás Rodríguez, que resultou ferida e obrigaron a Xoán a chamar á casa do seu sogro, Honorio Campos “Honorino”, onde se atopaban os guerrilleiros. Xoán Sorga cubriuse, xa que a contrasinal que deu era a de perigo, os guerrilleiros dispararon a través da porta e produciuse un enfrontamento xeneralizado, no que resultaron feridos un sarxento e dous gardas, estoupando varias bombas de man, na confusión do momento, Xoán Sorga tirouse por un ventanuco sendo tiroteado e recibindo un impacto de bala nun ombreiro, pero conseguiu fuxir, un dos guerrilleiros, Xoán Selas, na súa fuxida ao saltar un muro rompeu unha perna e ferido entregou o fusil a outro guerrilleiro, quedando soamente cunha pistola cubrindo a fuga dos seus compañeiros, intercambiando numerosos disparos coa forza pública, segundo os veciños, acabou suicidándose para non caer nas mans da Garda Civil. O fuxido, Xoán Sorga, conseguiu chegar a Portela onde un ferreiro do pobo lle quitou as esposas (este feito nunca se soubo polo que o ferreiro non foi detido nunca pola Garda Civil), posteriormente foise curar á casa dos seus avós en Cortegada, permanecendo oculto algúns días nun palleiro propiedade de Francisco Vences. Dende entón permaneceu fuxido e acabou uníndose á guerrilla, sendo perseguido con saña pola Garda Civil para vingar o fracaso da operación de Pazos. A muller de Sorga, Ánxela Sampedro Piñeiro, foi detida varias veces e xulgada na causa 138/49 e na 185/49, sendo condenada a dous anos de cadea. Segundo testemuñas orais recibiu moitas malleiras e sufriu abusos sexuais nos seus encerros no cárcere de Sandiás, ante tanta brutalidade, intentou suicidarse facéndose varias feridas de arma branca.

“(...) O que contaba o papá era que os seus pais tiñan unha taberna, entón viñeron uns señores pedíndolle pousada, dicían que eran da forestal, estiveron uns días e non se ían, e pagar, pagaban moi ben, entón os cartiños facían falta, seica a un deles o mandaban a Ourense, á Ponte Romana, de enlace (...) que viña un enlace da Coruña, e o tío Xoán Xorga, ía ós almacéns que había na Ponte o Mazaira, entón pedíronlle se lles facía o favor, que fora un e non daba chegado, se lles facía o favor de coller el o enlace, dixéronlle que era un señor que levaba unha gabardina e un esparadrapo na cara, entón o tío Xoán chegou e estaba o enlace (...) deulle a contrasinal (...) pero era da secreta, xa alí intentou tirarse ó río pero collérono, cando se deu conta había moitos gardas civís, e detivérono e fixérono vir ata Pazos, para dicirlle onde estaban, di o papá que os enganou a todos coma parrulos (...) el o que quería era ir de noite (...) viñeron pola veiga, subiron, foi o día do tiroteo (...) o contrasinal por se pasaba algo era chamar tres veces: mamá! E así o fixo e comezou o tiroteo, el escapou, ferido por un buratiño, onde se metían as pitas, esposado e ferido escapou por alí, houbo feridos, levantaron a todo o pobo, porque ós feridos levábanos á veiga, á estrada,  el escapou e foi á casa da tía en Cortegada, e despois xuntouse cos outros e comezou toda a movida”[ii].

Segundo os veciños as represalias foron durísimas, queimaron a casa onde estaban os guerrilleiros, propiedade de Honorino Campos (fora concelleiro da FP en Sarreaus no 36), co gando dentro, os sogros de Xoán Sorga quedaron na miseria.  Detiveron a toda a familia e segundo testemuñas orais, aplicaron a lei de fugas a un veciño da aldea que tivera un enfrontamento co cura da parroquia (parece ser que por traballar en domingo). Este veciño era, Lorenzo Novoa Piñeiro, de 37 anos de idade, solteiro, déronlle morte en Baronzás “el día 14 del actual a consecuencia de herida en corazón y hemorragia”, foi soterrado no cemiterio de Xinzo[iii]. O guerrilleiro morto, Xoán Selas, figura inscrito como “un guerrillero desconocido” “hallado tendido de cubito supino en la mañana del día 14 del actual en el pueblo de Pazos, con heridas en el pecho, cabeza y muñeca de la mano izquierda, vestía con chaqueta color azul marino oscuro y pantalón castaño”, recibiu sepultura no cemiterio de Codosedo[iv]…(Continuará coa 2ª parte ca versión da garda civil). (Do meu libro: “Historia e Memoria. A LIMIA:1931-1953”).

 


[i] Estaba traballando na sega en Madrid cando estalou a guerra civil, pronto foi recrutado polo bando republicano. Na batalla de Madrid é ascendido a tenente, aos catro anos volve á súa terra e casa con Leonor Rodríguez. A cal morre no parto do seu primeiro fillo. Casou en segundas nupcias coa viúva Ánxela Sampedro a “Costureira” (o primeiro marido morrera nun accidente de traballo nas obras da vía), coa que tería outro fillo. Segundo os veciños non era especialmente político,  as circunstancias da vida e a dureza da represión franquista empuxárono a formar parte da guerrilla.
[ii] Conversa con Pepita e Manuel Robles Sorga, e Irene Rodríguez en Pazos de Codosedo o día 24 de agosto de 2007.
[iii] Rexistro Civil de Xinzo de Limia, inscrición 106.

[iv] Rexistro Civil de Sarreaus. Folio 155. Inscrición 308.