MARIA DOLORES FERNÁNDEZ GALIÑO “A VALEDORA DO POBO DE GALICIA”

Valedora do pobo-Dolores Fernandez Galiño
MARIA DOLORES FERNÁNDEZ GALIÑO “A VALEDORA DO POBO DE GALICIA”

ROSA TRUJILLO BOLAÑO

ESCOLA RURAL DE SAÚDE DA LIMIA

“O aire volveuse máis e máis quedo, moviámonos con demora para non alterar o repouso dos nosos corazóns, sentiámonos colmados polo espírito de Paula, coma se fósemos un só, non había separación entre nós. A vida e a morte uníronse”
Isabel Allende. Paula

Esta pequena e delicada muller que hoxe ocupa o cargo de Valedora do Pobo de Galicia deixa a súa función de alta comisionada do Parlamento de Galicia por uns instantes. Ábrese a un ambiente confesional e permítenos entrar nas paraxes da súa infancia.
IMG-20210527-WA0002Unha nena de sete anos, loura, de ollos claros, entrégase á linguaxe do vento mentres pedalea a súa bicicleta, sente a liberdade do movemento no pelo, as visións dos eidos, os ríos, as casas de pedra, os viñedos. Sente a frescura do aire e os pés case non lle dan chegado ao chan. Vai chea de contento por chegar á aldea. Son cinco quilómetros, case non se senten os coches e a bicicleta anda rápida e veloz, sen medos. O ambiente é seguro, non se presentan circunstancias perigosas. Chegaba coa enerxía da primeira infancia, sempre renovada polo aire puro. Os campos falaban en galego, os labradores traballaban duro, e moitos saían á emigración. A casa do seu padriño abríase para as nenas da familia. O que máis recorda é ir pola estrada naqueles espazos abertos.
“Estabamos xogando sempre fóra (parte do Carballiño é un balneario) e, cando iba a aldea donde nacera o seu pai, o padriño preguntábame de cada vez: “queres a merenda nena?” Os ollos brillan detrás do tapabocas e repite: “Queres a merenda?”. Semella coma se o seu padriño aparecese, desde esa frase, na súa voz.“En Carballiño comiamos o pan de barra e, na aldea, sacaban unha fogaza que tiñan ha artesa. Cortaba dúas boas porcións, collía o xamón e o cortaba, sen máquina nin nada, a coitelo, e aquilo era... (pecha os ollos). Era a gloria. Lémbrome moito desas merendas, das matanzas, das vendimas. En casa facíase a matanza, pero aquel momento nunca me deixaron velo... e agradézollo aos meus pais. Tamén lembro a vendima con moitísimo agarimo. O meu avó, Isidro, facía viño que logo vendía. El dicíanos: “hai que apañar os vagos, as uvas que se soltan do acio. Hai que apañalos, porque todo é uva”.
Estamos nunha atmosfera de sabores, recendos, imaxes e sucesos vitais, cheos de ledicia e tamén de realidades intensas, como as perdas dos seres queridos. “A miña avoa morreu, cando eu era moi nena, en O Treboedo e non nos levaron, tivemos a sorte de non ver mortos ata que fomos adultas. Non existían os tanatorios, velábanse na casa. Entendino, teño perfectamente claro cando foi a morte da miña avoa. Quedei ao coidado da miña tía . Os meus avós tiñan “Ultramarinos Isidro”, unha das tendas máis antigas de Carballiño, con máis de sesenta anos; os días de feira viña a xente das aldeas e desde que eu era moi cativa poñíanme unha caixiña para chegar ao mostrador e eu axudaba. Os días de feira viña a xente das aldeas, de todas as comarcas do arredor. A xente comía alí, mercaba o polbo. Recordo que facían as compras que logo se lles empaquetaban naquelas caixas... (é unha lembranza nostálxica). Eu coleccionaba selos. Teño moitas anécdotas de como era aquel Carballoño, onde había moita emigración. Traíanme as cartas que lles enviaban os fillos; eu, con moitísimo coidado, quitaba os selos para fóra do sobres e, aínda agora, falo de esa xente con moito agarimo; lémbrome da Dorinda, A Herminia, O Nicanor, o Manuel... Cada quince días estaban alí, en “Ultramarinos Isidro”.Valedora do pobo-Dolores Fernandez Galiño y Rosa Trujillo Bolaño


R.M.T.B: Con cal palabra asocia a súa nenez?
D.F.G.: Estasme poñendo nun brete... pero, seguramente, con esa sensación de estar ao aire libre. Tiñamos condicionamentos, pero o que máis recordo é esa sensación de coller a bicicleta e andar pola estrada, de xogar no parque, de bañarme na piscifactoría do Arenteiro. A palabra sería natureza.
R.M.T.B.: O exercicio do dereito é unha actividade esixente e comprometida que está en relación coas faltas das persoas, coa decisión de se son inocentes ou culpables. Como chegou a Valedora do Pobo?
D.F.G.: Non tiñas moito onde elixir, mirabas as carreiras, as posibilidades, e naquel momento a opción era Santiago: medicina ou dereito...; o mundo do dereito descubrino na propia carreira; a lóxica xurídica é moi abstracta e deime conta de que, probablemente, o meu era máis cara a este lado que cara ás ciencias puras. O mundo do dereito é apaixonante. Coñecín ao meu marido estudando e decidimos opositar. Valoramos as opcións, o que supón o mundo do dereito e do servizo social. Moitas decisións tomámolas porque queriamos quedarnos xuntos en Galicia. Aprobamos para xuíces e eu desempeñei trinta anos antes de chegar á institución da Valedora do Pobo. Estiven como xuíza en Ponteareas, logo maxistrada pola rama social en Pontevedra e na Audiencia Provincial da Coruña na rama civil e penal.
R.M.T.B.: Observamos que é unha muller feminista. Por que a Valedora é feminista e define á institución como tal? Hai persoas que solicitan un Ministerio do home ou fan burla cando alguén fai unha denuncia logo de trinta anos...
D.F.G.: O que dis é moi importante. Lembro que, cando nos primeiros momentos logo de tomar posesión, visitei a Escola Rural de Saúde, as mulleres contaban que se sentiron recoñecidas e visibilizadas. O feminismo non é senón a igualdade entre os homes e as mulleres, e fai preciso identificar a discriminación por razóns de xénero. É unha discriminación sistémica que está en todas partes, en todos os países e en toda a Historia. As estruturas de poder son masculinas: o home nace empoderado, na súa infancia, no seu traballo, na súa vida familiar, no deporte e en todos os espazos. Mentres que a muller nace con ese outro rol de invisibilidade, de non recoñecemento do traballo de coidados. É preciso deseñar estruturas novas que dean cabida tanto a homes coma mulleres. Non se trata de meter ás mulleres nas estruturas masculinas, porque iso non funciona. Hai que deseñalas e poñer en valor o papel das nosas nais e as nosas avoas: foron elas as que nos dixeron que debiamos estudar e valernos por nós mesmas. Somos da década dos sesenta-setenta, e ata aquela, as mulleres non podían nin sequera abrir unha conta no banco. Ata para recibir unha herdanza tiñan que contar coa aprobación do seu marido.
R.M.T.: A ESCOLA RURAL DE SAÚDE, enfoca moito os coidados. Unha das poboacións atendidas son mulleres coidadoras. Por que lle custa tanto ao Estado recoñecer ese labor?
D.F.G.: Polo que falamos: o home nace empoderado e a muller aparece atada aos coidados. Coa pandemia, viuse a importancia dos coidados: o familiar, o socio sanitario, o traballo do fogar, o coidado de nenas e nenos, fánno, maioritariamente mulleres. Temos que aprender a palabra recoñecemento e colocala no centro da recuperación económica e social. A Organización Internacional do Traballo e Nacións Unidas vindican “o traballo decente, que se preste en condicións de saúde e seguridade”, porque moitas mulleres coidadoras traballan en condicións precarias, non se valoran adecuadamente, non se avalían os riscos laborais, non están ben retribuídas. Vense como traballos menores.Valedora do pobo-Escola de Saude
R.M.T.B.: Moitas mulleres organizan e propoñen proxectos -intermedios ou grandes- cara aos coidados; á maioría non lles dan axudas ou se lles deixa actuar unicamente en proxectos pequenos que teñen unha escasa retribución. Sen embargo, os empresarios promoven proxectos de coidados cunha visión mercantil e a eles dánselles axudas cuantiosas. A que o atribúe?
D.F.G.: Nós falamos de visibilizar, recoñecer, promover e defender. Declaramos á institución como feminista. Trátase de dar visibilidade ao labor dos coidados, de recoñecelo, de promovelo en todos os espazos, de atender as queixas e defender ás persoas que veñen á nosa institución, sempre con ese enfoque da igualdade.
R.M.T.: Observamos, na maioría dos países do mundo, mulleres maltratadas, asasinadas, de distintas clases sociais. Ata mulleres que exercen cargos públicos non teñen a forza de romper co maltratador. Que lle diría a estas mulleres?
D.F.G.: Non hai un prototipo, non depende da clase social, nin do nivel cultural. Cando as mulleres se ven nese círculo se culpabilizan. Eu diríalle a unha muller maltratada que ten todo o meu apoio e o das institucións, e que non estamos aquí para valorar por que aguantan as manobras perversas do agresor.
R.M.T.B.: Que pensa da pena de morte?
D.F.G.: Críeme e estudei sen pena de morte. Sempre nos facemos o meu marido e máis eu esa reflexión. Se vivísemos nun país con pena de morte, seríamos xuíces? Probablemente non.
Ao rematar o día, ficaba iluminado o espazo dos libros doados por Dolores Fernández Galiño a pequena biblioteca da ESCOLA RURAL DE SAÚDE DÁ LIMIA. Na despedida, confésanos que creamos unha atmosfera confesional. Preguntámoslle se aínda monta en bicicleta e dinos que lle gustaba pasear cos seus fillo cando eran cativos, e que aproveita o que pode. Se cadra, volveremos atopala nalgún porque no Carballiño, tomando unha merenda ou comendo polbo, mentres lembra a “Ultramarinos Isidro”.
R.M.T.B.