O mellor disco da historia da música galega: ESPIDO, a perfección da síntese

Guadi Galego e Guillermo Fernández
O mellor disco da historia da música galega: ESPIDO, a perfección da síntese
XULIO CÉSAR DOCAMPO Hoxe é a miña primeira achega a Dende a Limia.com, e gustaríame comezar... co mellor disco que, ata...

XULIO CÉSAR DOCAMPO

Hoxe é a miña primeira achega a Dende a Limia.com, e gustaríame comezar... co mellor disco que, ata agora, se ten feito en Galicia, e en galego: ESPIDO, de Guadi Galego e Guillermo Fernández. Músicas de Salitre-2005. Se cadra parécevos esaxerado, pero meus amigos, cando coñezades esta xoia, ídelo gastar de tanto oílo.

Guadi e Guille xa se coñecían de antes, eran compañeiros en Berrogüetto desde o álbum “Viaxe por Urticaria” de 1999. E decidiron facer algo ben distinto, moito más íntimo, tanto, que o propio título do disco é ben revelador: “ESPIDO”. E nunca mellor dito, porque só están a fermosa voz de Guadi, e os arpexios deliciosos da guitarra de Guille. Hai algunha pequena programación, pero son tan sutís, que case nin se perciben.

Son 12 temas, todos musicados exquisitamente pola parella (a excepción do último, con letra e música só de Guadi), e a arquitectura sonora que tecen as notas de Guille envolven a voz de Guadi nunha comuñón perfecta. As letras son case todas de Guadi, os seus textos encaixan no seu fraseo aveludado coma unha luva, e as súas melodías arrástrante suavemente a un sono hipnótico, do que non apetece nada espertar. Por iso queres volver oílo, unha e outra vez...

É un disco marabilloso, aditivo, case terapéutico, e sorprende tanta intensidade emocional nun traballo tan...”espido”, pero o o certo é que o álbum rezuma sentimento, e verdade. E aí é onde radica a forza inmensa deste feixe de cancións, na sinceridade, e sobre todo, na química perfecta entre dous talentos, compenetrados e comprometidos nun momento único, nunha ósmose perfecta de intereses, compartindo o para ónde, e o cómo, libres da tiranía colectiva dun grupo. Fóra adobíos, produción (tamén de Guille) minimalista, e procurar a beleza no esencial, sos, nus, espidos...menos é máis. A absoluta perfección da síntese.

E por qué é -para min- o mellor disco da historia da música galega: porque ten a mellor voz que hoxe podemos atopar en Galicia, unha Guadi Galego que é digna herdeira da admirada Dolores Plata que adornaba co seu timbre inesquecible os discos de Xocaloma; e porque ten a que -para min, e con permiso da “Quen puidera namorala” que Luis Emilio Batallán lle musicou a Cunqueiro no imprescindible Aí ven o maio de 1975- é a mellor canción que se ten feito nunca na nosa lingua: ese “Amar a mares” que, por si soa, xustificaría abondo que mercásemos o disco, custase o que custase, cortesía parcial tamén doutro poeta, Manolo Rivas.

Non me importa recoñecer que teño chorado con “Amar a mares” na penumbra dun concerto, ou que teño arrolado o meu cativo cando aínda estaba no ventre da súa nai con esa “Nana” que Guadi canta con tanta sensibilidade. E estou certo de que moitos de vós habedes experimentar emocións semellantes cando vos deixedes seducir por este disco impresionante. Abofé que si. Dádelle ao play, pechade os ollos, e permitídevos esta belísima viaxe musical que, sen dúbida, vos fará máis felices. Probádeo, e xa me contaredes...

Disque antes de morrer (á parte de ir a S. Andrés de Teixido), hai que facer 3 cousas: plantar unha árbore, escribir un libro e ter un fillo. Pois mirade, desde o 2005, eu engadiría unha 4ª: ninguén debería deixar este mundo se terse deleitado antes con este discazo!

O mellor: A maxia única, e irrepetible -aí está o Benzón do 2009 de Guadi, moi bo, pero que nin se lle achega a este Espido), que envolve este traballo, de principio a fin, e que alcanza o seu clímax nese temazo insuperable que é “Amar a mares”.

O menos bo: ese último tema, o “Merlo Branco”, a capella, que non ten nada que ver co ton musical do resto do disco, e que se achega máis aos aturuxos das pandereiteiras de Leilía.

Valoración: 9 sobre 10

E lembrade, non vos perdades por nada do mundo esta xoia, porque é unha delicatessen para padais musicais exquisitos...como o voso. Ata a próxima.

Velaí van uns enlaces para empezar a desfrutar desta xoia:

* Selo MÚSICAS DE SALITRE: http://www.musicasdesalitre.com/ * Vídeo de “Amar a mares” : http://youtu.be/RYj3vgWlRcA